Nova: A Xunta promove este domingo en Lugo un ‘Escape Room’ para concienciar á mocidade sobre os riscos dos xogos de azar

09/05/2025

A Xunta promove este domingo en Lugo un ‘Escape Room’ para concienciar á mocidade sobre os riscos dos xogos de azar

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude impulsa esta actividade gratuíta que busca previr esta adicción e sensibilizar sobre os perigos que implica

Lugo, 9 de maio de 2025

A Xunta promove este domingo - 11 de maio – na praza Maior de Lugo un Escape Room gratuíto dirixido a mozos e mozas maiores de 14 anos co fin de que tomen conciencia sobre os riscos dos xogos de azar.

A iniciativa foi presentada hoxe polo delegado territorial, Javier Arias. Trátase dun Escape Room de carácter interactivo instalado nunha unidade móbil que percorrerá sete cidades e localidades galegas.

O obxectivo é proporcionarlle á xente nova ferramentas para previr a ludopatía. Para iso propóñense seis dinámicas con contidos enfocados a desbotar mitos sobre o xogo;  identificar sinais de alarma; ou diferenciar entre un xogador social, un problemático e un patolóxico. Tamén se aborda como saír desta adicción, como previla e como prexudica ao afectado e ao seu entorno.

Os participantes terán que responder a preguntas de verdadeiro ou falso ou completar un crebacabezas, entre outras cuestións.

O Escape Room estará na Praza Maior de Lugo de 11,00 a 14,45 horas e de 16,15 a 21,30, para facilitar a maior participación posible nesta acción formativa e lúdica. Cada quenda terá unha duración estimada de 45 minutos e poderá contar cun máximo de cinco participantes. As sesións estarán dirixidas por persoal traballador ou educador social.

As inscricións poden facerse na seguinte ligazón facilitada pola entidade que realiza a actividade, A90Grados, ou o mesmo día no propio lugar no que se desenvolve, sempre que haxa prazas dispoñibles.

Arias destacou a importancia de promover accións de información e sensibilización sobre a problemática asociada ao mundo das apostas e os xogos online, para o conxunto da sociedade “pero en especial para inculcar bos hábitos entre a xente moza, que está nunha etapa da vida especialmente vulnerable”. O Escape Room tamén estará en Viveiro (mañá sábado); Ferrol, Vigo, Ponteareas, San Cibrao das Viñas e Ourense.

Comparte