Nova: A Xunta convida a celebrar a primavera en familia coa sétima edición da carreira 'Holi Gaiás' o 7 de xuño

11/05/2025

A Xunta convida a celebrar a primavera en familia coa sétima edición da carreira 'Holi Gaiás' o 7 de xuño

  • O evento, que acumula miles de participantes ao longo dos seus sete anos de vida, abre hoxe as inscricións na web da Federación Galega de Atletismo
  • A rapazada menor de 10 anos de idade súmase por segunda vez a esta xornada de festa ao aire libre en familia participando nunha ‘Peque Holi’ chea de cor
  • A proba conta co patrocinio de Viaqua e a colaboración da Federación Galega de Atletismo, Coca-Cola e Gadis e parte do recadado irá destinado á Fundación Andrea, que traballa a prol da cativada con enfermidades crónicas ou terminais

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2025.- A Xunta de Galicia anuncia a celebración da sétima edición da carreira Holi Gaiás o vindeiro 7 de xuño. A actividade deportiva e non competitiva, que se desenvolve nunha contorna natural, abre as súas inscricións na web da Federación Galega de Atletismo. Ademais, a cativada menor de 10 anos poderá participar do evento nunha Peque Holi chea de cor.

A carreira, cun circuíto de 5 quilómetros para os maiores e outro de 700 metros para a Peque Holi, conta con poeira de cores, música e coreografías que animan aos participantes durante a xornada. Tamén haberá premios nas categorías infantil e adulta para as mellores clasificacións.

Esta xornada deportiva e lúdica, que se celebra no Monte Gaiás, ten como fin fomentar hábitos de vida saudables desde unha perspectiva non competitiva. A carreira está inspirada no festival Holi da India, cuxa esencia é a celebración das últimas semanas da primavera.

A proba está organizada pola Xunta de Galicia e patrocinada por Viaqua, coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, Coca-Cola e Gadis, e está aberta a persoas tanto federadas como non federadas.

Como novidade nesta edición, un euro do custo de cada inscrición doarase á Fundación Andrea, que apoia a nenos con enfermidades crónicas, de longa duración ou terminais. As persoas que non queiran participar da carreira pero si estean interesadas en colaborar, poderán mercar dorsais solidarios, cuxa achega se destinará de forma íntegra á Fundación Andrea.

Información práctica

A saída da Holi Gaiás será ás 12,00 horas e nela englóbase a categoría infantil (nados do 2010 ao 2015) e adulta (nados no 2009 e anos anteriores). Pola súa banda, a cativada que participe na Peque Holi (nados entre o 2016 e o 2021) farán un percorrido de 700 metros con saída ás 11,30 horas. Os nenos e nenas nesta última proba poden ir acompañados dunha persoa adulta.

 

As inscricións xa están abertas na páxina www.carreirasgalegas.com, cun custo de 6 € por dorsal e 4 € para a Peque Holi. De cada inscrición, doarase un euro á Fundación Andrea. O prazo para apuntarse remata o 5 de xuño e a recollida de dorsais realizarase na propia Cidade da Cultura durante o venres 6 de xuño e o mesmo día da carreira ata as 11,00 horas para a proba dos pequenos e ata as 11,30 horas para a carreira principal. Toda a información sobre as bases, o seu regulamento e a inscrición atópanse na páxina www.cidadedacultura.gal.

Comparte