Nova: Anxo M. Lorenzo salienta a divulgación cultural e pedagóxica da música clásica na XII edición do Festival Bal y Gay

08/05/2025
Anxo M. Lorenzo salienta a divulgación cultural e pedagóxica da música clásica na XII edición do Festival Bal y Gay
O director xeral de Cultura pon en valor o achegamento desta disciplina a enclaves patrimoniais da Mariña lucense coa colaboración da Xunta para a realización de máis dunha decena de concertos, encontros e outras accións
Do 12 ao 21 de agosto, artistas internacionais como Denis Kozhukhin, Andrea Rey, o Cuarteto Casals e o Cuarteto Quiroga, entre outros, amosarán as súas propostas musicais
Madrid, 8 de maio de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da XII edición do Festival Bal y Gay, que celebrará do 12 ao 21 de agosto máis dunha decena de concertos, encontros internacionais e outras accións. Tal e como salientou, “trátase dunha cita que promove a divulgación cultural e pedagóxica da música clásica e que contará, un ano máis, co apoio da Xunta de Galicia”.
No acto, que tivo lugar na Casa de Galicia en Madrid, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sinalou o achegamento da música clásica a enclaves singulares da Mariña lucense como son Alfoz, Mondoñedo, Ribadeo, Lourenzá, Cervo, Burela e Viveiro. Neste senso, incidiu no “compromiso do Goberno galego con esta proposta artística na que conflúen música, arte e patrimonio, motivo polo cal seguimos a traballar coa Fundación Xesús Bal y Gay”, sinalou.
Ao abeiro desta cita, Anxo M. Lorenzo fixo fincapé na procura de manter unha oferta cultural diversa e de calidade no territorio galego, “como se vén facendo con maior notoriedade desde a aprobación da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia”. Ademais, agradeceu “o traballo da organización por desenvolver nun lugar non habitual para este tipo de eventos esta celebración convertida nun referente da música clásica do norte de España”.
Tal e como adiantou o director xeral, outro dos eixos deste encontro será o pedagóxico, coa posta en marcha de dous proxectos musicais para o alumnado da comarca da Mariña. Por unha banda, a creación da Coral Marinaencanto e, por outra, o proxecto Operiña para a posta en escena dunha ópera orixinal adaptada que incluirá disciplinas diversas como son o teatro, a música, a danza, a literatura ou as artes plásticas.
Primeiro concerto en Foz e clausura en Viveiro
A praza Conde de Fontao de Foz será o enclave elixido para a actuación extraordinaria do festival o 31 de xullo con La Carroza Del Real, ás 20,00 horas, mentres que o destacado pianista Denis Kozhukhin abrirá oficialmente o ciclo de concertos o 12 de agosto na Fortaleza de Alfoz, ás 20,30 horas. Como novidade, o 13 de agosto a Real Filharmonía de Galicia e o Coro da Comunidade de Madrid realizarán o primeiro concerto sinfónico-coral no que interpretarán o Réquiem de Mozart na Catedral de Mondoñedo, ás 21,00 horas.
A clausura do XII Festival Bal y Gay será co barítono galego Borja Quiza, o 21 de agosto, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, ás 20,30 horas, cita na que tamén participarán o pianista Javier Carmena e a mezzosoprano Andrea Rey, nunha proposta que mesturará as raíces galegas e españolas. Entre outros artistas destacados do certame estarán o Cuarteto Casals e o Cuarteto Quiroga.
Toda a programación e os abonos para asistir ao encontro estarán dispoñibles no portal dixital do Festival Bal y Gay.