Nova: A Federación de Librarías abre o día 13 en Lugo o calendario de feiras do libro na provincia coa colaboración da Xunta

06/05/2025

A Federación de Librarías abre o día 13 en Lugo o calendario de feiras do libro na provincia coa colaboración da Xunta

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que supoñen “un importante impulso para o sector e para o tecido cultural e editorial do noso país”

Lugo, 6 de maio de 2025

A Federación de Librarías de Galicia desenvolverá entre os días 13 e 17 de maio a Feira do Libro de Lugo, no marco da programación de feiras que organiza a través dun convenio coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación do evento  que, como vén sendo habitual, abre o calendario na provincia en coincidencia coa conmemoración do Día das Letras Galegas. No conxunto de Galicia programáronse 13 citas, entre as que figuran outras tres lucenses no mes de agosto: Viveiro do día 12 ao 15, Foz do día 16 ao día 19, e Monforte de Lemos do día 20 ao 23.

Arias destacou que “ademais de fomentar a lectura, supoñen un importante impulso para o sector libreiro e para o tecido cultural e editorial do noso país”. Ao respecto, lembrou que ofrecen encontros literarios e numerosas actividades “cun protagonismo especial para a literatura galega, a nosa lingua e as autoras e autores que a manteñen viva”.

A Feira do Libro de Lugo contará con trece casetas instaladas na Praza Maior. Inaugurarase oficialmente ás 18.00 horas do martes, co pregón a cargo da escritora vilalbesa Cecilia F. Santomé. Unha hora despois, Emilio Valadé asina exemplares de Apuntes de mis paseos por Lugo.

Nos días seguintes manterán encontros cos lectores autores como Agustín Agra, Óscar Reboiras, Antía Martín, Ana Meilán, Francisco Narla, Lorenzo de Medici, Marta Villar ou Celia Veigas, entre outros.

Paralelamente, prográmanse actividades de teatro, narración oral e outras propostas culturais para todos os públicos.

Comparte