Nova: A Xunta subvenciona con 34.000 euros a adquisición dun novo arquivo rodante para a Biblioteca Municipal Torrente Ballester de Bueu

29/04/2025

A Xunta subvenciona con 34.000 euros a adquisición dun novo arquivo rodante para a Biblioteca Municipal Torrente Ballester de Bueu

Na área de influencia de Pontevedra tamén se beneficiaron desta liña de axudas os concellos de Campo Lameiro, Marín, Poio e Vilaboa

A subvención encádrase na liña de axudas para a mellora de infraestruturas de uso público da dirección xeral de Administración Local e beneficiou a 16 concellos da área territorial de Pontevedra por importe total de máis de 520.000 euros

Bueu (Pontevedra), 29 de abril de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a Biblioteca Municipal Torrente Ballester de Bueu, con motivo do novo arquivo rodante financiado grazas a unha axuda da Xunta de preto de 34.000 euros.

En concreto, instalouse na biblioteca, que foi reformada recentemente, tres armarios dobres móbeis, dous armarios fixos e unha plataforma de rodante que permiten aumentar e mellorar o espazo de almacenaxe e organización do patrimonio cultural que se garda neste espazo.

A subvención encádrase na liña de axudas para a mellora de infraestruturas de uso público da dirección xeral de Administración Local, que beneficiou a 16 concellos da área territorial de Pontevedra por valor de máis de 520.000 euros. Na área de influencia de Pontevedra e Morrazo recibiron esta subvención, ademais de Bueu, os concellos de Campo Lameiro, Marín, Poio e Vilaboa. O investimento total desta liña de axudas nesta área foi de preto de preto de 155.000 euros.

Neste sentido, o delegado territorial destacou a importancia da colaboración entre institucións e lembrou que a Xunta “seguirá apostando pola mellora das infraestruturas locais, que son as que máis impacto teñen nos veciños e veciñas e que son un patrimonio compartido que debemos mimar, manter e desfrutar”.

Comparte