Nova: A Xunta pon en valor o papel dos museos na construción dunha sociedade e cultura máis diversas

01/04/2025

A Xunta pon en valor o papel dos museos na construción dunha sociedade e cultura máis diversas

Anxo M. Lorenzo salienta a programación destas institucións para a consecución dunha cultura máis inclusiva e accesible, na liña da pioneira lei que entrou en vigor en xaneiro

Ribadavia (Ourense), 1 de abril de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, puxo en valor hoxe o papel dos museos, a través das súas programacións, “na construción dunha sociedade e cultura moito máis diversas”. Fíxoo na inauguración no Museo Etnolóxico de Ribadavia da exposición Somos un Ribeiro diverso, resultado dun obradoiro con nenos e nenas da comarca, de entre 8 e 9 anos de idade, e coa ilustradora María Nóvoa.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude enxalzou a programación cultural que levan a cabo institucións culturais como o Museo Etnolóxico que “sabe achegar o legado que custodia á cidadanía, desde idades temperás, como reflicte este obradoiro, á vez que acaba incorporando a visión e perspectiva que ten a sociedade sobre o traballo e labor que realizan”.

Neste senso, Anxo M. Lorenzo asegurou que a programación dos museos está adaptándose “á perfección” ás liñas de actuación da recente Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, “unha normativa pioneira que entrou en vigor o pasado mes de xaneiro, pero que xa recolle froitos dunha estratexia na que xa levamos moito tempo traballando no Goberno galego”, celebrou.

Precisamente, a exposición Somos un Ribeiro diverso recompila o resultado dun obradoiro realizado con cativada da comarca aos que se lle asignou un papel de axentes culturais da contorna onde viven. Deste xeito, partindo do xogo e das conversas coa rapazada xurdiron cuestións vinculados á diversidade social e aos museos, que foron recollidos en imaxes pola ilustradora María Nóvoa, que integran a mostra, xunto co material aportado pola rapazada.

Comparte