Nova: A Xunta lanza un plan de impulso ao libro galego por 3M€ que inclúe novas medidas para crear e fidelizar lectores e adaptarse á transformación dixital

20/04/2023

A Xunta lanza un plan de impulso ao libro galego por 3M€ que inclúe novas medidas para crear e fidelizar lectores e adaptarse á transformación dixital

— O Consello da Xunta informa desta acción prevista no Plan Xeración Cultura, a folla de ruta posta en marcha este ano para reforzar o momento de expansión do sector cultural  e sumar esforzos público-privados para a xeración de riqueza

— Xunto ás accións xa consolidadas inclúense outras 11 novas, como a creación do Observatorio e do Laboratorio de Literatura Infantil e Xuvenil

— Incentivarase ás empresas editoriais que inclúan materiais editados en lectura fácil e audiolibros para mellorar a accesibilidade a públicos con necesidades diversas

O Consello da Xunta informou hoxe da posta en marcha do Plan de impulso ao libro galego, un dos seis plans previstos no Plan Xeración Cultura, a folla de ruta dotada de 34M€ para reforzar con novas iniciativas o momento de creación e expansión do sector cultural galego e xuntar esforzos desde a colaboración público-privada para a xeración de riqueza.

 

O documento conta cun investimento de 3M€ e medidas consolidadas ás que se suman 11 novas iniciativas que permitirán adaptarse á transformación dixital, adecuarse ás novas realidades de consumo e crear e fidelizar lectores.  As accións abarcan cinco áreas: o apoio á creación, o impulso á edición e distribución, a proxección exterior, a difusión e o apoio ás bibliotecas públicas.

 

Apoio á creación

Na primeira delas, referida á creación, inclúense tres novas accións. Por unha banda, ponse en marcha por primeira vez un programa aberto para creadores no ámbito da literatura coa finalidade de realizar residencias creativas temporais na Illa de San Simón, dirixido tanto a escritores como tradutores e ilustradores galegos e de fóra de Galicia, coa previsión de que se beneficien unhas 20 persoas cun investimento de 30.000€.

 

Unha segunda medida será o proxecto de colaboración co Centro Superior de Investigacións Científicas de Galicia (CSIC) para lanzar o Laboratorio de Literatura Infantil e Xuvenil. Cun investimento de 70.000€, traballarase desde a innovación, na creación de espazos e de oportunidades entre os axentes do sector do libro, da comunidade científica e da sociedade galega que amplíen a publicación de títulos e de recursos de calidade.

 

En terceiro lugar, e directamente vinculado coa medida anterior, colaborarase coa Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil para a creación dun Observatorio de Literatura Infantil e Xuvenil en Galicia, España e Iberoamérica que converta á Comunidade galega nun dos centros de referencia internacional na avaliación da situación deste tipo de literatura nas linguas iberoamericanas. O orzamento é de 50.000 euros.

 

Edición e distribución

Tendo en conta que a edición galega se enfronta a moitos retos, algúns vinculados coas necesidades dos lectores e dos novos formatos de acceso aos textos e coa consolidación da lectura dixital e a existencia de públicos con necesidades diferenciadas, vaise estimular a publicación de libros en novos formatos que axude a ampliar públicos. Para iso levaranse a cabo dúas novas medidas.

 

Por unha banda, lanzarase unha nova liña de subvencións para incentivar ás empresas editoras galegas para que incrementen a cantidade e variedade de libros producidos e que favorezan o acceso universal á cultura, así como o proceso de dixitalización da cultura galega, a través de materias de lectura fácil -para facer accesible a información a persoas con dificultades de comprensión lectora- e de audiolibros, favorecendo o achegamento sonoro aos textos literarios. Terá un orzamento de 150.000€.

 

Proxección exterior

A proxección exterior do libro galego, dos seus profesionais e das súas producións é un obxectivo sempre moi presente na internacionalización da cultura galega. Incluiranse neste eido dúas novas medidas. A primeira é a posta en marcha de bolsas específicas para residencias literarias fóra de Galicia para escritores, ilustradores e tradutores. Serán beneficiarios unha quincena de persoas e o investimento global será de 30.000 euros.

 

Tamén se establecerá un acordo especial coas editoras galegas que, a partir deste ano, van xestionar directamente a presenza do libro galego e dos seus profesionais nas feiras Liber e na de Frankfurt, cun orzamento de 35.000 euros.

 

Difusión

O libro galego ten nas feiras do libro de Galicia unha das súas principais fontes de difusión pública e de negocio comercial. Neste ano amplíase a colaboración cos profesionais libreiros para espallalas a máis localidades ao tempo que se vai favorecer a creación de ferramentas dixitais para a comunicación pública de actividades e eventos nas librerías. Neste sentido colaborarase na posta en marcha da Axenda Cultural en liña da Federación de Librerías de Galicia que recompilará a actividade que desenvolven ao longo do ano.

 

Apoio ás bibliotecas públicas

Tendo en conta o papel das bibliotecas públicas como dinamizador imprescindible do sector do libro, este ano están en marcha novas liñas de traballo como o novo servizo de biblioteca móbil en colaboración cos concellos que non dispoñen desde equipamento cultural, nas provincias de Lugo e Ourense.

Medidas consolidadas

A estas novas medidas súmanse outras xa consolidadas que tamén se levarán a cabo ao abeiro deste Plan de impulso ao libro galego que inclúe as actividades de dinamización da lectura Ler conta moito nas bibliotecas municipais da rede pública, axudas para a dotación de novidades editoriais en galego e mellora das coleccións bibliográficas, para a tradución, e para a adquisición de publicacións, entre outras.

 

Con todas estas accións preténdese dar resposta aos desafíos do libro galego coa intención de que as familias, os centros educativos e as administracións públicas coordinen liñas de actuación para que a lectura e os libros formen parte das ferramentas e das capacidades básicas da sociedade galega.

Comparte