Evento: Letras Galegas 2020: Ricardo Carvalho Calero
Letras Galegas 2020: Ricardo Carvalho Calero
A Cidade da Cultura súmase, como cada 17 de maio, á celebración das Letras Galegas, este ano dedicadas a Ricardo Carvalho Calero, figura á que tamén queremos homenaxear e festexar neste gran día desde o Gaiás, contribuíndo a poñer en valor o seu labor para dignificar o idioma e a cultura galega e o seu prolífico traballo como historiador da literatura, crítico literario, filólogo e escritor.
Nosa xa habitual lectura participativa do 17 de maio trasládase nesta ocasión ao espazo virtual, onde vos convidamos a todas as persoas interesadas a compartir connosco un pequeno vídeo lendo un texto do creador do enigmático Scórpio.
PROPOSTA DE TEXTOS DE PILAR PALLARÉS
Para iso, propoñémosvos unha selección de textos realizada pola poeta Pilar Pallarés, unha das voces máis importantes da poesía galega, recoñecida en 2019 co Premio Nacional de Poesía polo seu libro Tempo Fósil. Nela atoparedes unha completa mostra da ampla produción literaria de Carvalho Calero, desde poesía, teatro, ensaio ou narrativa.
[I]: De Pretérito imperfeito a Auto do prisioneiro
[II]: De Aos amores seródios a Escritos sobre Castelao
[III]: DeHistória dá literatura galega contemporánea a Scórpio.
[IV]: De Reticências... a Farsa dás zocas
Esta lectura compartida será unha forma inclusiva, dinámica e participativa de achegar e promocionar a creación do escritor ferrolán a todas as persoas interesadas, e tamén a aquelas que non coñecían en profundidade a súa destacada produción literaria. Para participar, só tedes que descargar a selección de textos que vos propoñemos e facernos chegar un vídeo lendo o que máis vos apeteza. Coas achegas recibidas, montaremos unha pequena peza audiovisual que compartiremos nesta páxina e nas nosas redes sociais en Facebook, Twitter e Instagram o 17 de maio de 2020.