Evento: Banda Municipal de Música de A Coruña

Banda Municipal de Música de A Coruña
domingo, 17 outubro, 2021 - 12:00
Teatro Colón,
A Coruña

Banda Municipal de Música de A Coruña

Concerto de música clásica

En 1947 creouse a "Banda - Orquestra" Municipal da Coruña. O seu primeiro concerto público, baixo a dirección de Rodrigo A. de Santiago, celebrouse o 26 de xullo de 1948 no Teatro Rosalía  de Castro.

A denominación " Banda - Orquestra" significaba a posibilidade de que dentro dunha soa agrupación de setenta e cinco músicos funcionasen dúas entidades diferentes, aínda que complementarias, dotadas de medio centenar de executantes cada unha. A Banda nacía como unha colectividade completa en si mesma; e a Orquestra compoñíase dos vinte e cinco arcos máis outros tantos intérpretes de vento e percusión, pertencentes á Banda, que desdobraban as súas funcións cando a agrupación sinfónica realizaba os seus concertos.

A vida das dúas entidades foi moi dispar. A Banda permaneceu ao longo do tempo, adquiriu un notable repertorio e afianzouse como unha das colectividades de maior categoría artística en España dentro do xénero. A Orquestra, pola contra, tivo unha vida azarosa: extinguiuse na práctica nos anos sesenta do século pasado e foi refundada, grazas aos esforzos de Rogelio Groba, en 1981. Ten o mérito de constituír o antecedente da actual Orquestra Sinfónica de Galicia, unha das mellores agrupacións instrumentais de España.

Nos seus anos de existencia, a Banda tivo á fronte a varios directores, todos eles excelentes músicos. O primeiro titular, Rodrigo A. de Santiago, realizou a difícil tarefa de crear un corpo de executantes de notable nivel artístico e de consolidar, ao longo de vinte anos, un amplo repertorio.

Rogelio Groba substituíulle na agrupación coruñesa. Con el, a Banda ampliou considerablemente o seu repertorio e mantívose na mesma liña de categoría artística. Permaneceu á fronte da colectividade durante máis de vinte anos.

En 1991, fíxose cargo da dirección Indalecio Fernández Groba que, sen variar substancialmente a liña dos seus antecesores, introduciu algunhas innovacións no repertorio e contratou a instrumentistas de moi alto nivel, en substitución daqueles que, naturalmente, se foron xubilando.

En 2005, debido á xubilación de Fernández Groba, o Concello contrata ao director holandés Marcel van Bree a quen nomea titular da colectividade..

Desde 2011 está á fronte da Banda o seu subdirector José Luis Represas Carrera.

No 2015 toma a batuta da agrupación como director titular Andrés Valero-Castells e desde 2017 e ata a actualidade conta coa dirección de Juan José Ocón.

Ao obxecto de ter aos instrumentistas nunha primeira liña de motivación así como de facilitar a aproximación a diferentes vivencias, o equipo directivo da Banda Municipal da Coruña convida periódicamente aos seus Ciclos de Concertos a Directores, nacionais e estranxeiros, así como a solistas de diferentes instrumentos.

Máis eventos de tipo Concerto

Música para bebés
7 de outubro a 23 de xuño
Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola
Concerto de Pava dúo
23 de outubro
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
Concerto Schola Gregoriana Lucensis
24 de outubro
Biblioteca Pública de Lugo
Robert Finley
24 de outubro
Rúa de Concepción Arenal, 5