Evento: Festival Internacional Curtocircuíto
Festival Internacional Curtocircuíto
O Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto proxectará máis de 120 filmes en seis días . Xunto coas súas sección competitivas, para as que se recibiron máis de 3.400 filmes de 94 países, o festival ábrese a toda a cidadanía a través de seccións paralelas, clases maxistrais, obradoiros e concertos.
O Teatro Principal e a Zona C acollen as diferentes sesións que, no caso da sección oficial, inclúen un total de 53 traballos a través dos que se ofrece un percorrido polas tendencias actuais do cinema internacional. Con tal fin, a sección oficial restrutúrase este ano arredor de dous programas que miden o nivel de exploración formal e narrativa da linguaxe cinematográfica: Radar, para as propostas máis convencionais, e Explora, para as máis rompedoras.
Para os xurados de Radar e Explora cóntase con figuras internacionais da categoría do cineasta canadense Mike Hoolboom e o crítico australiano Adrian Martin, que participan tamén en diferentes actividades paralelas de encontro co público. Ademais e grazas á colaboración entre Curtocircuíto e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), Hoolboom participa tamén na sesión especial arredor da súa obra que terá lugar na sede da filmoteca galega na Coruña na tarde do 14 de outubro .
O novo modelo co que o festival se presenta este ano estrea tamén unha terceira sección competitiva, fóra da oficial, denominada Planeta GZ. Este programa nace para dar cabida a algúns dos traballos galegos máis arriscados do ano. Un total de nove curtametraxes competen nesta categoría.
Entre as seccións paralelas, destacan o ciclo retrospectivo sobre a obra de Mike Hoolboom, así como o dedicado ao portugués Gabriel Abrantes, nova promesa do cinema en formato curto. Organízanse, ademais, obradoiros, presentacións, mesas redondas e seminarios, que buscan ofrecer un espazo de encontro para o sector audiovisual, ao tempo que un lugar de exploración para que o público descubra as interioridades da produción cinematográfica.
Os concertos de Peter Broderick o martes 7 e de Cápsula xunto a Pablo Und Destriktion o venres 10 na Sala Capitol completan a programación paralela deste de Curtocircuíto, que no web (www.curtocircuito.org) detalla todo o calendario de proxeccións, así como os prezos e o acceso á venda de entradas no caso das actividades de pago (a sección oficial, o ciclo de Mike Hoolboom e as actuacións musicais).
Máis eventos de tipo Festival