Evento: XX Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF)
XX Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF)
Dez películas competirán na fase final do Festival de Cine Internacional de Ourense, que se celebrará entre o 14 e o 22 de novembro. Son “ La vida después” (Arxentina), “Bridgend” (Dinamarca), “The Sinking of Sozopol” (Bulgaria), “Dark Horse” (Reino Unido), “La novia” (España/Alemaña), “Bambanti” (Filipinas), “El comienzo del tiempo” (México), “La decisión de Julia” (España), “Techo y comida” (España) e Killing Time” (Francia/Bélxica).
A grande novidade entre os traballos finalistas da presente edición reside en que por vez primeira entran dous documentais, “Dark Horse” e “Killing Time”, que xunto co resto optan a seis premios: Mellor Película, Carlos Velo ao Mellor Director, Mellor Guión, Premio Especial do Xurado, Mellor Interpretación e Premio do Público. O valor total dos premios é de 17.000 euros. Tamén é novidade a destacada representación española, con tres películas: “La novia”, “La decisión de Julia” e “Techo y comida”.
A maioría das películas seleccionadas para a final son óperas prima ou segundas películas dos seus directores, en liña coa aposta do Festival polos novos valores do panorama cinematográfico. A vixésima edición recibiu 347 longametraxes (222 de ficción, 123 documentais e 2 de animación), procedentes dos cinco continentes, o que supón unha cifra superior á máxima acadada ata esta data, que estaba en 218 traballos. Asemade, hai que engadir 57 curtametraxes, o cal suma 404 presentados.
Nesta edición, o festival decidiu outorgar na presente edición o premio Cidade de Ourense ao director e guionista Enrique Urbizu, recoñecendo así a súa traxectoria profesional. Segundo o comité asesor do certame, o cineasta vasco “consolidou un labor profesional destacado, que foi acadando metas máis ambiciosas conforme foron pasando os anos”. A pesares da súa xuventude, conta cunha dilatada carreira cinematográfica coa que colleitou numerosos galardóns, entre os que destacan oito premios Goya, dous deles en 2002 con “La caja 507” e os outros seis con “No habrá paz para los malvados” (mellor guión, mellor dirección e mellor película). Ademais de cineasta, é profesor de Comunicación Audiovisual na Universidade Carlos III de Madrid.
Ademais, A vixésima edición do Festival de Cine Internacional de Ourense incorpora dúas novidades na programación que consisten en senllos ciclos titulados Cinemas de Galicia e XX Aniversario.
Máis eventos de tipo Festival

