Evento: Festival Irmandiño
Festival Irmandiño
O Festival Irmandiño é un proxecto que naceu en 1980 como resposta á necesidade de proxectarnos como pobo con historia propia, como herdeiros duns galegos e galegas que, aló polo século XV, se rebelaron contra o poder establecido, contra unha situación social de opresión, abuso e miseria.
Eses primeiros organizadores tiñan outro motivo máis tanxíbel e máis próximo, conseguir que o castelo de Moeche non se deteriorase máis e se mantivese como símbolo do concello e da nosa historia. Hoxe en día, este obxectivo estase a cumprir grazas á constancia e entrega de moita xente implicada con este concello e con este país.
A manifestación artística propia do Irmandiño é a música folk, que nos anos 80 era un dos símbolos reivindicativos de Galiza. Pero tamén houbo espazo para outras artes: teatro, artesanía, etnografía, pintura, artesanía, música coral, deseño (concurso de carteis), investigación, (Premio de investigación histórica), etc.
¡¡¡Lume, lume, lume!!! son as palabras que máis se escoitan durante o Asalto ao Castelo, un espectáculo de lume, luces e recordos que se celebra dende 1980 pasada a media noite do sábado do penúltimo fin de semana de agosto, dentro dos eventos do Festival Irmandiño.
Con este acto conmemórase a toma do Castelo por parte de Roi Xordo, para rematar cos abusos feudáis. Todos os participantes ataviados con fachos arrancan dende o campo do festival ata o Castelo, coa súa chegada á fortaleza da lugar a queima do Castelo con lumes de artificio.
Máis eventos de tipo Festival