Evento: Peza do mes: Cruz embolada, castro de San Vicenzo, Avión
Peza do mes: Cruz embolada, castro de San Vicenzo, Avión
A presentación pública terá lugar o mércores 10 de xuño ás 20:00 h, na sala de exposicións "Escolma de escultura", con entrada libre.
Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos (neste caso, do fondo arqueolóxico) para ser tratada de maneira pormenorizada e darlle maior visibilidade, profundando no seu contexto e características, datas, filiacións etc., e reforzar así o seu valor.
Esta peza, xunto cun trisquel de igual tamaño e soporte pétreo, foi localizada no transcurso dunha escavación arqueolóxica levada a cabo no ano 2024, promovida e financiada pola Comunidade de Montes Veciñais en Mancomún de San Xusto e pola Asociación Cultural Vive Avión, dentro do concello ourensán de Avión, campaña arqueolóxica dirixida polo arqueólogo Jorge Lamas Bértolo.
A peza é unha laxa de granito de 63 cm de longo por 44 cm de ancho e 10 cm de grosor, que acolle un gravado do que se denomina «cruz embolada», como modo de facer referencia a unha especie de labirinto con desenvolvemento en cruz. O seu trazo presenta un deseño cruciforme que a partir de dúas liñas que arrincan no círculo exterior de cada brazo, culminan na circunferencia interior do brazo contiguo, de forma que se debuxan así catro cruces concéntricas ou, se se prefire, outros tantos itinerarios cara aos círculos interiores. Tamén mostra unha especie de triángulos asociados a cada un dos círculos.
A publicación virtual sobre esta peza está dispoñible nesta ligazón do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, onde se pode profundar no seu contexto arqueolóxico e as súas características artísticas, así como tamén na súa orixe e filiacións, nun estudo a cargo, neste caso, do investigador Jorge Lamas Bértolo.

