Evento: Restitución das estatuas do Mestre Mateo
Restitución das estatuas do Mestre Mateo
O Museo do Pobo Galego acolle a exposición temporal das esculturas do Mestre Mateo, Abraham/Xeremías e Isaac/Ezequiel, recuperadas polo Concello de Santiago de Compostela, logo de seren espoliadas polo franquismo.
Tras 70 anos en mans da familia Franco e logo de oito anos de loita xudicial, complétase así un longo proceso que culmina coa restitución do patrimonio e da memoria histórica. As estatuas poderán ser visitadas por toda a cidadanía nunha mostra gratuíta instalada na Ala Sur do Museo, organizada polo Concello e o Museo do Pobo Galego, coa coordinación do equipo técnico do Museo e do Auditorio de Galicia.
A sala, alén das dúas esculturas que foron recollidas no pazo de Meirás o pasado 1 de decembro, inclúe unha liña do tempo sobre historia das pezas e un audiovisual que forma parte do proxecto KosmoTech_1200, da USC e do CISPAC, centrado na reconstrución do coro do Mestre Mateo e do conxunto do nártice do Pórtico da Gloria incluída a fachada exterior, onde estaban situadas as dúas esculturas. Así mesmo, o público ten ao seu dispor unha folla de sala que inclúe códigos QR para acceder a materiais sobre o proceso creativo do Pórtico da Gloria, o periplo das estatuas até a súa devolución ao Concello de Santiago e a súa relevancia na cultura galega e europea. Todo o contido é tamén accesible, grazas á colaboración da Federación Autismo Galicia.
O horario de visitas, até o 26 de xullo de 2026, será:
- De martes a sábado, de 11:00 a 18:00 horas.
- Domingos, de 11:00 a 14:00 horas.
- Os luns pechado ao público.
Máis eventos de tipo Exposición



