Evento: Don Quijote
Don Quijote
O Ballet de Catalunya achégase á España manchega, aragonesa e á capital catalá, Barcelona. Todos estes son escenarios dunha das obras máis carismáticas da literatura española, convertida nun dos clásicos do repertorio e na que o ballet se impregna dunha gran riqueza folclórica, chea de festas de tabernas e familias con paixóns agochadas.
Baixo a visión coreográfica de Elias Garcia, o Don Quixote do Ballet de Catalunya adáptase nun formato con personalidade propia. García quixo condensar a historia coa danza como eixo principal e motor de toda unha trama que, por si mesma, xa é facilmente comprensible, pero ao mesmo tempo facendo uso de novos e orixinais recursos que permiten situar o ‘espectador en todo momento’.
A obra preséntase en dous actos, en lugar dos catro que a conforman orixinalmente. A adaptación realizada polos directores artísticos quere abranguer un amplo abano de públicos que non necesariamente teñen lido a obra de Cervantes nin coñecen a coreografía de Petipa, na que o ballet de Don Quixote se mantén ata os nosos días desde a súa primeira aparición en 1869 no Teatro Imperial do Bolshoi.
O Ballet de Catalunya amosa unha versión que, a diferenza da produción orixinal baseada no libreto de Marius Petipa, desenvólvese nun ambiente particular, contando tamén coa presenza de textos coidadosamente seleccionados que ofrecen unha lectura fiel desta marabillosa historia coa voz de luxo de Joel Minguet, un actor que lle deu unha interpretación persoal e á altura das circunstancias.



