Evento: Xeografía do imaxinario: contos, versos e lendas de Galicia

Xeografía do imaxinario: contos, versos e lendas de Galicia
venres, 17 outubro, 2025 - 19:00
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal,
Santiago de Compostela

Xeografía do imaxinario: contos, versos e lendas de Galicia

Espectáculo de narración oral para público adulto a cargo de Sole Felloza

Celebramos o Día do Patrimonio inmaterial co espectáculo “Xeografía do imaxinario: contos, versos e lendas de Galicia” da man de Sole Felloza. Esquece o XPS, ven percorrer o mapa do imaxinario de Galicia. Precisas só ollos de curuxa, botas de tres leguas e orellas espreitando. Acharás (toparás, atoparás) así contos e lendas, ritos e mitos da tradición oral sobre esta nosa terra encantada.

Galicia ten un mapa que non sempre vemos, agochado para algúns, esquecido para moitos, devecendo por ser percorrido e revelado de novo, para non morrer no esquecemento. Nel moran ocultos pequenos e grandes seres máxicos, vivos grazas ás contadas das eiras nos abafantes veráns ou á calor do lume nas frías tardes de inverno.

Xa for escoitando aduanadas dos trasnos, sentados a carón dun castro ou dunha fervenza, vendo voar bruxas a cabalo de vasoiras, descubrindo pedras que agochan tesouros ou covas que gardan dragóns, escoitando cantos de xacias e sereas…sabedores sempre de cal é o momento preciso no que se acenden os fachos da memoria colectiva… Tracemos xuntos ese mapa de novo, para sermos quen de descubrir unha xeografía diferente, única.

No salón de actos. Para público adulto. Entrada libre ata completar a capacidade da sala.

Máis eventos de tipo Espectáculo

Mulleres nas letras
17 de outubro
Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés
Coa pandeireta na man
18 de outubro
Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés
C@nto contigo
24 de outubro
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
Concerto PunkInfantil
25 de outubro
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal