Axudas, subvencións e bolsas : Subvencións ao fomento e promoción do talento musical

Subvencións ao fomento e promoción do talento musical

Dotadas con 120.000€, en réxime de concorrencia competitiva

Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o 1 de outubro a convocatoria de subvencións da Xunta para promover o talento musical galego no ámbito da produción fonográfica, unha liña de apoio ao sector nacida en 2019 e que este ano se convoca por segunda vez mantendo a súa dotación de 120.000 euros e como medida incluída no Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos da covid-19.

Poderán beneficiarse destas axudas ata 10 proxectos de edición para primeiros traballos discográficos ou videográficos e outros 10 de consolidación para aqueles artistas que xa teñan debutado no mercado. A finalidade destas axudas é o impulso aos proxectos de deseño, preprodución, produción, edición e promoción de produtos fonográficos (fonogramas e videoclips) que conteña maioritariamente obra de artistas galegos ou que estean interpretadas por músicos galegos, realizadas por parte de empresas con actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), encárgase da xestión deste programa de apoio co obxectivo de favorecer tanto o lanzamento como a consolidación de novas carreiras musicais, de xeito que se impulse a profesionalización do sector, a normalización no uso da lingua galega e o enriquecemento cultural a través da música.

Lanzamento e consolidación de novos artistas
Poderán ser solicitantes as empresas de produción fonográfica con actividade en Galicia que presenten proxectos de artistas que non teñan editado un primeiro álbum ou 10 singles/vídeosingles (modalidade A) ou daqueles que xa conten con este tipo de produtos no mercado, neste caso establecendo como límite catro álbums ou 40 singles/videosingles (modalidade B). O prazo estará aberto un mes entre o 2 de outubro e o 2 de novembro a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (código de procedemento CT402F).

As contías a recibir ascenden a un máximo de 2000 euros para cada un dos 10 proxectos da modalidade A e de 10.000 euros para os da B.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, a partir da valoración das solicitudes por unha comisión de acordo cuns criterios preestablecidos, entre os que figuran a traxectoria da empresa nos tres anos anteriores, a presenza feminina na produción, o emprego da lingua galega, a proposta de difusión e comercialización, a implicación doutras empresas e/ou profesionais galegos ou a calidade do proxecto.

Estado de tramite: En trámite

Comparte