Aviso: Inscríbense a laxe decorada da necrópole dos Campiños e o merlón con escudo dos Soutomaior do Castelo da Lúa/Torre de Rianxo no Rexistro de Bens de Interese Cultural

Inscríbense a laxe decorada da necrópole dos Campiños e o merlón con escudo dos Soutomaior do Castelo da Lúa/Torre de Rianxo no Rexistro de Bens de Interese Cultural

A laxe é un ben de interese cultural en aplicación do artigo 94.2 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia que establece que: «Son bens de interese cultural as covas, abrigos e lugares ao aire libre que conteñan manifestacións de arte rupestre», mentres que o merlón adquire a categoría de ben de interese cultural ao estar afectado polo artigo 83.3 do citado precepto legal que especifica: «Os escudos elaborados con anterioridade a 1901 teñen a consideración de bens de interese cultural».

A necrópole dos Campiños (GA15072005) sitúase no extremo sur do monte denominado de Lioira e estaba composto por un conxunto de seis túmulos. O denominado túmulo número 1 resultou o máis afectado pola construción dunha pista forestal que provocou a súa destrución. Este túmulo tería aproximadamente uns 20 metros de diámetro en planta por 1,5 metros de altura. No momento do seu descubrimento conservaba escasamente unha cuarta parte das súas dimensións debido ao arrase do monumento ata o seu nivel de base. A laxe conservada ten unha lonxitude de 220 cm por 90 cm de ancho e presenta gravados sobre ambas as caras.

O merlón ou almena pertencen á muralla ou torre da homenaxe do Castelo da Lúa. O merlón é un elemento arquitectónico típico da arquitectura militar medieval, correspondente a cada un dos saíntes verticais e rectangulares, apuntados ou mixtos (como neste caso), dispostos a intervalos regulares que coroan os muros perimetrais de castelos ou torres defensivas. A peza presenta unhas dimensións de 80 cm. de lonxitude, por 75 cm de anchura, por 24 cm de grosor, estando construída en granito local de boa calidade. A metade inferior presenta alzado rectangular, mentres que a metade superior estaría apuntada, presentando fragmentado o extremo superior, correspondente á punta da peza. Como elemento singular, presenta en relevo o escudo de armas dos Soutomaior na súa cara exterior, correspondente ao xadrezado. Este amosa unha orla simple que delimita o contorno do escudo, de forma rectangular e base semicircular, con pivote no extremo inferior. A decoración componse de 9 filas xadrezadas, separadas cada por unha fila sen gravar (a primeira destas presenta o primeiro cadro gravado) por 8 columnas de cadros.

Comparte