Aviso: Resolto o primeiro concurso fotográfico Entendendo as nubes

Resolto o primeiro concurso fotográfico Entendendo as nubes

Os traballos A casa da avoa María e Viveiro a vista de paxaro son as fotografías gañadoras

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de fallar o primeiro concurso fotográfico Entendendo as nubes. O traballo que reciben o primeiro premio en cada categoría é A casa da avoa María (categoría infantil e primaria), de Lois Fernández Domínguez do CEIP de Barouta no Concello de Ames; e Viveiro a vista de paxaro, da alumna do IES Vilar Ponte de Viveiro, Teresa Yin Martínez Sarmentero (categoría secundaria, Bacharelato e formación profesional).

A Consellería de Medio Ambiente convocou por primeira vez un concurso de fotografía sobre este hidrometeoro, para resaltar a enorme importancia que revisten as nubes para o tempo, o clima e a auga.

O certame estaba dirixido a todos os centros de ensino de Galicia (educación infantil, primaria, secundaria e formación profesional), que podían participar en dúas categorías, organizadas en función das idades, podendo presentar un máximo de tres fotografías. Así, un total de 28 centros na primeira categoría (etapas de educación infantil e primaria) participaron cun total de 78 fotografías no concurso, e 23 centros na segunda categoría (etapas de educación secundaria, bacharelato e formación profesional) presentaron un total de 66 fotografías.

Á hora de fallar o concurso, o xurado valorou a orixinalidade, excepcionalidade e valor artístico dos traballos presentados e premiou un total de seis fotografías, que debían ser obras orixinais e inéditas e non estarán retocadas por ningún programa informático.

Os autores da primeira fotografía seleccionada en cada categoría recibirá como premio unha cámara de fotos, e os autores da segunda e terceira fotografía seleccionadas en cada categoría recibirán como premio uns prismáticos. 

Máis información, aquí.

Comparte