Programación de actividades

O primeiro elepé vigués

Unha representación de músicos locais e do resto de Galicia serán os encargados de poñer voz e melodía nesta homenaxe ao Pergamiño Vindel,  “ o primeiro elepé vigués”, e farano interpretando as súas propias cancións, a música que sete séculos máis tarde ocupa diversos soportes: os pergamiños contemporáneos. Pablo Novoa, Nicolás Pastoriza, Víctor Aparicio, Iván Ferreiro, Rosa Cedrón e moitos máis. O 3 de marzo no Teatro Afundación de Vigo.

Forma parte do ciclo de concertos Homenaxe ás trobadoras e trobadores do século XXI.

Máis información na axenda.

 

Os sons do Vindel. Músicas da Península Ibérica no S. XIII

A Cidade da Cultura de Galicia despide o Pergamiño Vindel a través da música de Martín Códax, nunha actuación dun dos grupos de música antiga máis aclamados na escena internacional, Ensemble Micrologus, conducido por unha das novas voces da poesía galega actual, Dores Tembrás. Un repertorio medieval profano, no que se mesturan músicas compostas por Martín Códax, coas doutros grandes autores da época e parte xa asimilada ao repertorio tradicional. O 2 de marzo no Museo Centro Gaiás. 

Máis información na axenda.

 

Martín Códax Universal

A homenaxe ás cantigas de Martín Códax dos centros de estudo do galego do exterior. Coordinados desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o alumnado de ensino primario e secundario do Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres e da Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos (CEG) –de Budapest (Hungría), Deusto e Vitoria (País Vasco), Kiel (Alemaña), Cork (Irlanda), Barcelona e Río de Xaneiro (Brasil)– recitan na peza audiovisual Martín Códax Universal as cantigas do trobador galego na lingua na que foron escritas e na súa propia. 

 

As cantigas de Martín Códax no Pergamiño Vindel

O programa presenta unha recreación musical das Sete Cantigas de Amigo de Martín Códax, a partir da información recollida no Pergamiño Vindel, e acompáñase de breves introduccións explicativas. A interpretación correrá a cargo do departamento de Música Antiga do Conservatorio Superior de Música de Vigo. O 1 de marzo no Museo do Mar.

Forma parte do ciclo de concertos Homenaxe ás trobadoras e trobadores do século XXI.

Máis información na axenda.

 

Os nosos: Martín Códax e o seu tempo

Baixo a dirección de Alberto Abal interpretarase a estrea absoluta da obra As sete cantigas de Martín Códax de José Barja Iglesias. O músico, profesor, compositor e mestre organista faleceu o ano pasado polo que o espectáculo se converte nunha homenaxe póstuma. O 25 de febreiro no Museo do Mar de Galicia.

Forma parte do ciclo de concertos Homenaxe ás trobadoras e trobadores do século XXI.

Máis información na axenda.

 

Variacións sobre Martín Códax. Ulobit

Trátase dunha proposta única arredor do Pergamiño Vindel e as cantigas de Martín Códax creada especialmente polo trío Ulobit con catro artistas convidados nunha linguaxe de vangarda e contemporaneidade que mestura audiovisual, música, danza e voz. O 2 de febreiro no Museo do Mar de Galicia en Vigo.

Forma parte do ciclo de concertos Homenaxe ás trobadoras e trobadores do século XXI.

Máis información na axenda.

 

VindeCine. O tempo de Martín Códax a través do audiovisual

Como parte desta actividade, proxectaranse un total de 21 filmes entre decembro e marzo cunha temática común: o medievo. A iniciativa desenvolverase nas cidades da Coruña, de Santiago de Compostela e de Vigo coa colaboración do CGAI, de Numax e de Multicines Norte, que exhibirán nas súas salas nas respectivas cidades as diferentes fitas escollidas para os ciclos.

Entre os títulos están filmes de destacados directores dos séculos XX e XXI, algúns dos cales serán estreados en Galicia no marco destes tres ciclos.

Máis infomación na axenda.

 

O Pergamiño Vindel no Culturgal

A décima edición da Feira das Industrias Culturais Culturgal, celebrada do 1 ao 3 de decembro de 2017 en Pontevedra, faise eco da presenza do Pergamiño Vindel en Galicia con actividades especiais, con información, material e charlas. 

 

Un vermú por Vindel

Nesta iniciativa, as librarías son o punto de encontro entre libreiros, escritores ou expertos en literatura e público en xeral, nos que debater sobre o Pergamiño Vindel arredor dun vermú. Ademais, varias ducias de librarías da comunidade contan con material como marcapáxinas e postais de temática relacionada con Vindel, para agasallar aos clientes. 

As citas serán en distintas librarías de Vigo e Bueu, os sábados do 18 de novembro ata ao 9 de decembro de 2017, ás 12 horas. 

Máis información na axenda

 

Pergamiño Vindel e a música no tempo de Martín Códax

O grupo Pres de Cambrai propón unha viaxe a través da música do medievo cunha serie de charlas-concerto que inclúen réplicas de instrumentos da época. 

Os sábados de novembro de 2017 no Museo do Mar de Galicia, en Vigo; na illa de San Simón, en Redondela; na Casa da Navegación de Baiona e na sala de exposicións do Auditorio de Cangas.

O obradoiro é gratuíto, previa inscrición. 

Máis información aquí

 

Scriptorium

Cal era o proceso de elaboración dun manuscrito na Idade Media? Resposta a esta pregunta ofrécea o obradoiro didáctico-expresivo Scriptorium, dirixido a alumnado dos centros educativos de Redondela. Ademais de dar a coñecer o laborioso proceso de escritura e iluminación dun pergamiño, o obradoiro acompáñase dunha exposición explicativa.

Todos os martes e venres, desde o 14 de novembro ata o 15 de decembro de 2017, no espazo do Multiúsos de Redondela.

Máis información aquí

 

Certame Vindevídeos

Convocatoria de premios dirixidos ao alumnado e profesorado en Galicia. Cada centro pode participar no concurso cun máximo de tres vídeos, en calquera técnica, cuxa temática estea relacionada coa cultura trobadoresca na que se xeraron as cantigas medievais galego-portuguesas.

Hai dúas categorías: unha para vídeos de alumnos e alumnas de educación infantil ou de primaria, e outra para os realizados por estudantes do resto de niveis. En cada categoría concédense dous premios.

O prazo de participación remata o 11 de decembro de 2017.

Máis información na convocatoria

 

Ondas do mar de Vigo

Ciclo de travesías marítimas pola ría de Vigo. As viaxes en barco, cunha duración aproximada de tres horas, teñen como obxectivo achegarlle ao público o valor natural e paisaxístico, así como a historia, dos principais enclaves do espazo costeiro e mariño da ría de Vigo, inspirador das cantigas de Martín Códax.

Nas fin de semana, entre o 28 de outubro e o 19 de novembro, en horario de 16:00 a 19:00 horas. Saída desde o peirao do Museo do Mar de Galicia, en Vigo.

As persoas interesadas en participar nas viaxes, que son gratuítas, deben inscribirse chamando ao teléfono 620 864 052.

Máis información na axenda.