Instalación do Museo do Viño de Galicia en Santo André de Camporredondo

Custo total da operación: 657.019,21 €

Axuda FEDER: 524.793,39 €

Obxectivo: aumentar a superficie de edificios ou lugares petencentes ao patrimonio cultural, de uso principal non turístico, rehabilitados ou mellorados

Situación: Ribadavia (Ourense)

Temporización: xullo 2017 – novembro 2018

 

Actuación:

O Museo do Viño en Galicia foi concebido para ser emprazado na reitoral da parroquia de Santo André de Camporredondo (Ribadavia), antigo priorado do mosteiro bieito de San Martiño Pinario (Santiago de Compostela), cuxa titularidade pertence ao bispado de Ourense, que cedeu o seu uso para crear o Museo do Viño de Galicia.

Este museo créase coa finalidade de recuperar, documentar, conservar e difundir o patrimonio cultural vitivinícola de Galicia para o coñecemento, aprendizaxe e goce dos cidadáns en xeral, e o aproveitamento e consulta dos investigadores e estudosos do universo vitivinícola, en particular. Incorpora os fondos históricos e etnográficos e a colección do viño do Museo Etonolóxico de Ribadavia, que constitúen a colección fundacional do Museo do Viño de Galicia.

A elección da Reitoral de Santo André de Camporredondo basease na propia funcionalidade do edificio por ser un centro de produción vinícola que conserva a distribución orixinaria dos seus espazos.

Este inmoble, segundo o establecido no artigo 111.1 da Lei 5/2016 do 4 de maio do Patrimonio Cultural de Galicia, ao estar destinado a ser a futura sede do Museo do Viño de Galicia, está sometido ao réxime de protección que esta lei establece para os bens declarados de interese cultural.

A reitoral de Santo André de Camporredondo forma, xuntamente coa igrexa parroquial da que dependía, un conxunto monumental de relevancia singular e significado particular na comarca do Ribeiro. As formas barrocas, que logran unha magnificencia destacable na igrexa, conxúganse de xeito harmónico coas trazas clasicistas da reitoral, que é unha construción exemplar desta arquitectura, escasa no Ribeiro e pouco común no territorio rural ourensán. Xunto coa igrexa de Sta. María de Castrelo de Miño e a parroquial de Beade (Ribeiro de Avia), Santo André é unha das pezas da arquitectura barroca do s. XVIII máis salientables da comarca, no que atinxe á traza compostelá do seu estilo.

A reitoral impón a súa volumetría dende o outeiro no que se alza á paisaxe do val no que se atopa. Nel destaca a súa fachada meridional pola estrutura porticada de sete ocos que sosteñen sobre grandes pilastras cuadrangulares, unha balconada que se pendura sobre a igrexa e o pequeno casarío que a circunda.

Esta edificación conxuga a elegancia ortogonal das súas liñas de fachada, propias das formas neoclásicas, coa exuberancia interior dunha arquitectura concibida e organizada para elaborar os caldos que transitarían logo cara Compostela. Cinco grandes lagares, na súa planta “baixa” e unha adega-cova configurada como “sotto” escavado na rocha, pero reforzado con grosos faixóns de sillería e con partes abovedadas en pedra, definen un espazo subsidiario dunha actividade vinícola intensa, separado na distribución interna da edificación da planta principal ou residencia do abade, que se dispón no andar superior da casa, baixo a cuberta a catro augas que a coroa.

A singularidade desta construción reside no seu valor etno-histórico, como inmoble dotado de espazos propios das “culturas do traballo”, e no seu interese monumental como forma arquitectónica expresiva do tránsito do barroco ao clasicismo.

O edificio da Reitoral de Santo André de Camporredondo posúe dúas características que mostran a súa singularidade: é unha arquitectura clasicista (ss. XVII-XVIII), pensada e construída para o seu uso como adega de elaboración do viño e como adega de conservación dos caldos, que reúne uns elementos construtivos –como a adega-cova- únicos no Ribeiro e en Galicia.

Polo tanto, no Medievo e no Antigo Réxime priorado do mosteiro compostelán de San Martiño Pinario, foi a adega que nutría de viño a este importante cenobio santiagués,

 

 

Operación cofinanciada pola Unión Europea

Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020

Contribuír á conservación do medio ambiente e do patrimonio cultural

Unha maneira de facer Europa