Conservación e posta en valor do conxunto monumental de Santa María de Sobrado dos Monxes

Custo total da operación: 1.839.322,76 €

Axuda FEDER: 1.432.986,07 €

Obxectivo: aumentar o número de visitas previstas a lugares pertencentes ao patrimonio cultural.

Situación: Sobrado dos Monxes (A Coruña)

Temporización: primeiro semestre 2016 – decembro 2019

 

Actuación:

O mosteiro de santa María de Sobrado dos Monxes, é un elemento significativo do patrimonio cultural galego e español, situado nunha zona rural do interior que forma parte do Camiño de Santiago do Norte, recentemente recoñecido como Ben Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Este mosteiro está declarado BIC.

Perséguese aumentar o atractivo deste ben cultural pertencente ao patrimonio mundial, potenciando o seu interese público e a súa función e significación como fito cultural relevante dun amplo territorio e do itinerario cultural histórico. Trátase dun edificio cun uso relixioso primixenio pero que tamén é recurso cultural e turístico.

O obxectivo da actuación é promover a protección deste ben e potenciar a súa utilización como recurso, espazo e obxecto cultural, para o cal é preciso procurar a conservación adecuada e sustentable do ben e preservalo para toda a humanidade.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural no ámbito das súas competencias de protección, conservación e investigación do patrimonio cultural de Galicia, promove esta actuación que inclúe a redacción do proxecto, dirección das obras e as obras de conservación e posta en valor no conxunto monumental do mosteiro de santa María de Sobrado dos Monxes: igrexa e espazos de uso público

O proxecto define o estado actual de conservación do edificio, analiza de forma pormenorizada a súa patoloxía e determina os traballos de restauración que é preciso executar para poder conservar o conxunto monumental en axeitadas condicións de uso, en particular a igrexa e os espazos de uso e/ou visita pública.

A proposta de intervención consiste, de xeito resumido, na eliminación das humidades que están danando o ben (provocadas por filtracións a través da cuberta, dos muros ou por capilaridade a través dos pavimentos), limpeza e restauración dos paramentos e solados de mampostería e cantaría, reparación de drenaxes, reparación de cubertas e reposición da instalación de iluminación. Destacar a execución dun forxado sanitario na igrexa e a reposición completa da estrutura de madeira e os elementos de cubrición de parte da cuberta entre o claustro de Medallóns e a igrexa;

Recóllense todos os traballos previos precisos como son: escavacións arqueolóxicas (segundo proxecto específico), protección de zonas especiais, desmontaxes e demolicións de elementos en estado ruinoso, apeos…Tamén está incluída a restauración de elementos ornamentais pétreos exteriores e interiores (molduras, frisos, medallóns…) con danos de orixe biolóxica, que será executada por persoal restaurador especialista.

Prevese tamén a dotación de recursos de apoio á visita e/ou exposición pública, a dotación de recursos culturais e os traballos de investigación precisos, coa finalidade de garantir a conservación e a protección do ben e a maior abundamento á súa promoción cultural.

 

Operación cofinanciada pola Unión Europea

Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020

Contribuír á conservación do medio ambiente e do patrimonio cultural

Unha maneira de facer Europa