Criterios de intervención

As actuacións que se levan a cabo sobre os bens declarados de interese cultural e catalogados deben seguir os criterios seguintes:

  • Salvagarda dos seus valores culturais e conservación, mellora e, de ser o caso, utilización adecuada e sustentable.
  • Respecto polas súas características esenciais e polos aspectos construtivos, formais, volumétricos, espaciais e funcionais que os definen. Procurarase sempre a aplicación do criterio de mínima intervención nos bens artísticos.
  • Conservación das contribucións de todas as épocas existentes no ben. Excepcionalmente poderá ser autorizada a eliminación dalgunha contribución de épocas pasadas no caso de que supoña unha degradación comprobada do ben e de que sexa necesaria para permitir a súa adecuada conservación e a súa mellor interpretación histórica e cultural. As partes eliminadas quedarán debidamente documentadas.
  • Preferencia pola utilización de técnicas e materiais tradicionais.
  • Compatibilidade dos materiais, produtos e técnicas empregados na intervención cos propios do ben e os seus valores culturais e pátinas históricas.
  • Discernimento da adición de materiais e técnicas empregados, evitando as adicións miméticas que falseen a súa autenticidade histórica.
  • Reversibilidade das accións de forma que poida recuperarse o estado previo á intervención. Este criterio será prioritario ao deseñar actuacións de conservación e restauración.
  • Compatibilidade do seu uso coa conservación dos valores que motivaron a súa protección.
  • Non se utilizarán ou aplicarán técnicas e materiais agresivos coas pátinas de valor cultural e cos materiais orixinais ou incompatibles coa debida conservación dos bens.

 

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural ten encomendada a tarefa de establecer medidas varias en relación coas intervencións no patrimonio cultural e en especial para definir e difundir os criterios que se seguirán no deseño e a prescrición das técnicas e procedementos de conservación que se aplicarán sobre o patrimonio arquitectónico, o planeamento urbanístico, os Camiños de Santiago e o patrimonio cultural en xeral en todas as súas manifestacións e bens.