Xesús Alonso Montero

Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) é un dos ensaístas máis importantes da Galicia das últimas décadas. Presidente da Real Academia Galega, catedrático emérito de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela, o seu labor como escritor, tradutor e conferenciante fai del un dos intelectuais máis recoñecidos e premiados da nosa hora.

A copiosa produción científica de Alonso Montero abrangue os eidos da sociolingüística, a historia, a teoría e a crítica literarias e tamén a literatura comparada. Libros como O que cómpre saber da lingua galega (1969) ou Informe(s) sobre a lingua galega (presente e pasado) (1991) son imprescindibles para comprender a realidade idiomática e cultural galega do último medio século. Así mesmo, as súas achegas á edición e estudo monográfico de autores clásicos da literatura galega fan que hoxe coñezamos máis e mellor voces como as de Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Castelao, Manuel Leiras Pulpeiro, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Piñeiro ou Xosé Filgueira Valverde, entre moitos outros.

Colaborador en numerosos medios de comunicación, orador en palestras internacionais, profesor convidado en diferentes universidades de todo o mundo, o seu vencello coa cultura arxentina e o interese polos seus intelectuais é unha constante no seu quefacer, tal como amosan os abondosos ensaios que ten dedicado a figuras galegas da emigración e o exilio como Castelao, Blanco-Amor, Seoane, Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado ou Dieste e tamén a outras propiamente porteñas, poño por caso, Francisco Luis Bernárdez.

Infatigable pescudador das letras galegas, Alonso Montero é tamén un importante estudoso da obra doutros creadores de ámbito hispánico como Federico García Lorca, Antonio Machado, Miguel de Unamuno ou Ramón María del Valle-Inclán.

Alén da súa inxente produción ensaística, cómpre salientar as súas incursións no ámbito poético con títulos como Versos satíricos ao xeito medieval (1998) ou Versos republicanos e outros versos políticos (2002), así como ocasionais achegas á literatura dramática en obras como Un xuízo oral (bilingüe) nunha vila galega. Outono 1942 (2014).