Nova: Galicia festexa o 150 aniversario do nacemento de Valle-Inclán cunha extensa programación colectiva

26/02/2016

Galicia festexa o 150 aniversario do nacemento de Valle-Inclán cunha extensa programación colectiva

Iniciativas literarias, representacións escénicas, ciclos de cine, exposicións, actuacións multiartísticas, charlas e obradoiros, entre outras, conforman as actividades

Procuran contribuir a reforzar o coñecemento da creación valleinclaniana e a achegarlle á cidadanía a figura do creador do esperpento

Santiago, 26 de febreiro de 2016.- Un abano de iniciativas literarias, representacións escénicas, ciclos de cine, exposicións, actuacións multiartísticas, charlas e obradoiros, entre outros, conforman o extenso programa de actividades que se desenvolverán ao longo deste ano en Galicia con motivo do 150 aniversario do nacemento do dramaturgo, novelista, poeta e ensaísta Ramón María del Valle-Inclán, e que hoxe presentou na Cidade da Cultura o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez.

Trátase dunha completa programación colectiva promovida pola Consellería de Cultura e Educación en colaboración coas principais entidades e organismos vinculados dalgún xeito á figura deste dramaturgo universal, como é o caso dos concellos da Pobra do Caramiñal e de Vilanova de Arousa, a Asociación Amigos de Valle-Inclán, a Fundación que leva o seu nome, a Universidade de Santiago a través da Cátedra Valle-Inclán, o Consello da Cultura Galega, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e a Deputación de Pontevedra.

Durante o acto de presentación das actividades, Román Rodríguez amosoulles o seu agradecemento a todas estas entidades polo importante papel que desempeñan para “reforzar o coñecemento da creación valleinclaniana e favorecer o achegamento da cidadanía á figura do creador do esperpento”. Esta programación responde ao mandato aprobado por unanimidade no Parlamento instando a Xunta a impulsar e acompañar as principais iniciativas culturais arredor da celebración dos 150 anos de Valle-Inclán, unha data que -segundo lembrou o conselleiro- forma parte do Calendario do libro e da lectura 2016 canda outras celebracións singulares da cultura galega neste ano, como é o centenario das Irmandades da Fala e do premio Nobel galego Camilo José Cela.

Xunto co conselleiro, interviñeron o presidente da Asociación Amigos de Valle-Inclán e neto do escritor, Xaquín del Valle-Inclán; os alcaldes da Pobra do Caramiñal e de Vilanova de Arousa, Xosé Lois Piñeiro e Gonzalo Durán respectivamente; o vicepresidente da Fundación Valle-Inclán, José Juan Durán; e a directora da Cátedra Valle-Inclán, Margarita Santos Zas.

Múltiples actividades para se achegar á obra do escritor
Dentro desta programación haberá iniciativas de difusión social e de dinamización dos espazos literarios do escritor; actividades audiovisuais, de artes escénicas e experiencias multiartísticas; eventos para a investigación académica e humanística, propostas expositivas, edicións conmemorativas, obradoiros infantís e iniciativas dirixidas ao ámbito educativo.

Dinamización dos espazos literarios
No que respecta ás iniciativas de difusión social e de dinamización dos espazos literarios do escritor, procederase á sinalización da ruta valleinclaniana naqueles lugares con vínculos familiares, biográficos e simbólicos co dramaturgo; elaborarase unha guía das casas-museo do escritor e organizaranse roteiros literarios e lecturas públicas.

Así mesmo, levarase a cabo as a décimo oitava edición das xornadas de homenaxe ao dramaturgo impulsadas polas casas-museo Valle-Inclán, que co gallo desta efeméride incorporarán novos recursos tecnolóxicos para enriquecer o percorrido polas súas instalacións e ampliar, deste xeito, a oferta de información que lles ofrecen aos visitantes.

Actividade cinematográfica
Dado que varias obras do escritor foron levadas ao cine en distintas épocas, o Museo e a Casa-Museo do escritor, co apoio da Secretaría Xeral de Cultura, organizan un ciclo de cine a partir dunha escolma dos títulos filmados, que se celebrará nos meses de outubro e novembro nos concellos da Pobra do Caramiñal e de Vilanova de Arousa.

Xa no segundo semestre do ano, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) promoverá un ciclo de proxeccións cinematográficas centrado na influencia do esperpento e do seu creador no cine español posterior á Guerra Civil.

Artes escénicas
Co fin de divulgar, dun xeito lúdico e educativo, a obra do dramaturgo, haberá sesións de contacontos nos que o director e narrador Quico Cadaval recreará accións de personaxes destacados que habitan nos textos de Valle-Inclán.

A Escola de Teatro Valle-Innova, da Fundación que leva o seu nome, percorrerá a xeografía galega cunha proposta escénica que abrangue catro montaxes teatrais: unha performance cómica, un espectáculo de teatro de rúa, unha montaxe teatral de corte clásico e un percorrido guiado dramatizado por lugares biográficos do autor.

Pola súa banda, Títeres Cachirulo achegaralle a obra de Valle-Inclán ao público infantil e xuvenil a través de varios espectáculos de monicreques, promovidos polas casas-museo do escritor. O programa escénico complétase con lecturas dramatizadas de textos fundamentais da súa produción literaria, que se levarán a cabo en outubro.

Propostas expositivas
Tampouco faltarán as exposicións. A Cátedra Valle-Inclán, da USC, co apoio da Secretaría Xeral de Cultura, promove o proxecto expositivo 'Valle-Inclán: xenio e figura', que recupera varias mostras, e o Museo de Valle-Inclán propón unha mostra sobre a súa sede, a Torre de Bermúdez, monumento declarado Ben de Interese Cultural.

Os centros escolares sumaranse a esta celebración, como o IES Valle-Inclán de Pontevedra, que será o escenario dunha exposición sobre a vida e obra do autor arousán. Tamén dirixido ao ámbito educativo, convocarase o I Premio Fundación Valle-Inclán de relato curto, que ten como principal obxectivo fomentar a creación literaria entre os escolares e difundir a vida e a obra do escritor.

Edicións conmemorativas, entre as que se inclúen as publicacións da Cátedra de Valle-Inclán de varios inéditos, e números especiais das revistas ‘Cuadrante’ e ‘Bradomín’; iniciativas que convidan a “saborear” a obra do escritor, a través de degustacións e menús vinculados coas alusións gastronómicas nas súas obras; e obradoiros infantís completan a programación que se desenvolverá durante todo o ano para convidar o conxunto da cidadanía a celebrar o 150 aniversario do dramaturgo, e que se poderá consultar en cultura.gal, a través da Axenda de Cultura de Galicia.

Comparte