Internacionalización da cultura

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é axencia autonómica que canaliza as políticas de difusión e promoción exterior das industrias culturais galegas, articuladas en dous eixes de acción prioritarios: a presenza en encontros internacionais (en colaboración con outras entidades e asociacións profesionais dos diferentes sectores culturais) e o apoio á distribución exterior dos produtos culturais.

As estratexias globais da Xunta de Galicia en materia de comercio exterior canalízanse a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Consellería de Economía e Industria, con medidas facilitadoras da proxección das empresas galegas fóra e do acceso a novos mercados. O Igape desenvolve plans de traballo conxuntos coa Agadic para favorecer esta proxección sectorial.