Jorge Mira

Jorge Mira (Baio-Zas, A Coruña, 1968) é físico. Catedrático de Electromagnetismo no Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, compaxina o seu labor académico cunha intensa xeira divulgadora nos medios de comunicación.

Director do Programa ConCiencia da USC (no que teñen participado diversos premios Nobel) e da súa colección de divulgación editorial, é tamén membro do consello editorial da Revista Española de Física e fundador do primeiro nodo español da rede internacional Nerd Nite.

Como investigador publicou máis dun cento de artigos nas máis importantes revistas científicas tanto españolas coma internacionais, en ámbitos que van dende o Magnetismo e a Nanotecnoloxía ata a Modelización matemática de Sistemas Sociais.

Este seu intenso labor como investigador e divulgador recoñecéuselle coa concesión de diversos galardóns tanto a nivel galego (Premio da Real Academia Galega de Ciencias 2002; Premio da Crítica de Galicia na Modalidade de Investigación 2011) coma do estado español (Premio Física en Acción e Ciencia en Acción da Real Sociedade Española de Física no 2000 e 2005; Premio do Colexio Oficial de Físicos de España 2010; Medalla de Honra Ciencia en Acción do Ministerio de Ciencia e Innovación de España e Ciencia Viva de Portugal 2010; Premio José María Savirón de Divulgación Científica 2011 ou Premio da Real Sociedade Española de Física na Modalidade de Ensinanza e Divulgación 2012).

Conferenciante, comisario de exposicións científicas, colaborador en faladoiros televisivos e radiofónicos e columnista de prensa, é amplamente recoñecido pola súa dedicación á popularización da ciencia. Neste sentido, algunha das súas obras ten gozado de gran difusión, como A ciencia no punto de Mira (2010), reeditada varias veces en galego e traducida ao castelán, e a recente ¿A que altura está o ceo? (2016).