Historia da cultura galega

Pergamiño Vindel, Martín Codax

Desde a antigüidade existen documentos de historiadores, cronistas e poetas que falan dos modos de vida dos primeiros poboadores coñecidos do noso territorio, os kallaikoi. A identidade cultural da Galicia actual ten a súa base nesas primeiras culturas coñecidas que protagonizaron a prehistoria no noroeste peninsular. Aínda hoxe forman parte da nosa paisaxe os monumentos megalíticos e os asentamentos que na Idade de Ferro acolleron o desenvolvemento da chamada cultura castrexa, chea de incertezas para os historiadores actuais.

Será o dominio romano, a partir do século II a.C., o que marque, progresivamente, o comezo dunha nova etapa, da que conservamos numerosos vestixios. Durante a romanización desenvolvéronse en Galicia complexas obras de enxeñería e infraestruturas, como a construción de vías, faros e estruturas defensivas que forman parte do noso patrimonio conservado, como a muralla de Lugo, unha cultura do aproveitamento fluvial e novas formas de explotación do agro e da minería. Asemade trouxeron a base dunha nacente lingua galega que mantivo palabras dos antigos poboadores.

Co comezo da Idade Media, acontecen na cultura galega un conxunto de feitos de alta relevancia. A descuberta do sepulcro do Apóstolo no século IX iniciou o xurdimento dun intercambio cultural a través dos movementos de peregrinación a Santiago de Compostela que, con Xelmírez, se converteu en centro neurálxico de Europa. Por esas rutas difundíronse coñecementos científicos e o estilo románico que marcou a produción artística da época. Tamén no ámbito literario e lingüístico, a cultura galega tivo a súa primeira idade de ouro na Idade Media, coa creación lírica de autores como Airas Nunez, Mendiño, Martín Códax ou Afonso X O Sabio.

Esa rica produción e consideración da literatura e da lingua empezou a verse relegada desde o século XV, co inicio do declive da influencia da nobreza galega e co peche forzado no XVI de moitas escolas monásticas. A creación literaria oral e a vivencia cultural popular mantivo a súa riqueza durante os séculos seguintes e, fronte á escaseza de textos literarios e científicos do Renacemento en Galicia, a creación artística noutros ámbitos como a arquitectura e a música estivo á par do que se producía noutros territorios peninsulares. No século XVI fúndase tamén a universidade compostelá e no XVII prodúcese nos centros monásticos un importante desenvolvemento intelectual, con ilustrados de nivel europeo como Frei Martín Sarmiento ou o Padre Feijoo. Dáse tamén daquela unha nova explosión artística na plástica e na arquitectura, de estilo barroco, con mestres como Domingos de Andrade ou Casas Novoa, e que proliferou tanto nas vilas coma nas aldeas.

Malia as crises demográficas e os importantes movementos migratorios cara ao centro e o sur peninsular e cara a Latinoamérica, Galicia entra no Romanticismo no século XIX e a literatura galega vive o seu rexurdir, con autores como Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal, que fixeron unha obra que transcendeu países e xeracións e que é influencia fundamental para toda a creación posterior en Galicia. Nos seus versos apoiáronse decote excelentes compositores, como Xoán Montes, Chané ou Pascual Veiga.

Xa no comezo do século XX a cultura galega foi alentada polos movementos galeguistas, accións que se viron truncadas polo golpe de Estado en 1936, que sumiu a cultura galega nunha difícil etapa durante os corenta anos de ditadura franquista. Con todo, xa desde 1949 foise abrindo paso unha nova xeración literaria e desde a década dos 60 comezaron a facerse visibles as iniciativas culturais de pequenas agrupacións que favoreceron a aparición de novas propostas musicais, teatrais etc.

Coa democracia (1978) e a consecuente autonomía de goberno de Galicia (1981), produciuse un amplo desenvolvemento na creación cultural e foise artellando un tecido empresarial neste ámbito, cunha maior profesionalización e proxección internacional, especialmente no audiovisual, musical e editorial.