Dinamización: DO AUDIBLE, O SON QUE XOGA COS LINDES

DO AUDIBLE, O SON QUE XOGA COS LINDES

O ciclo propón catro experiencias vinculadas á poesía, á ópera, ao teatro e á filosofía

Regresa un dos ciclos de música máis vangardista de Galicia, Do Audible para nos convidar a saltar os lindes da creación sonora con outras disciplinas artísticas, da poesía á ópera, do teatro á filosofía.

 

Ler máis

As mulleres compositoras son o cerne da primeira das propostas do ciclo Do Audible o 7 de xuño, en Ourense. Coma espellos dun calidoscopio mostra as tendencias e liñas de traballo das compositoras máis novas de distintos puntos do planeta. Unha sesión tecida con versos na voz da poeta galega María do Cebreiro.

Vigo acolle o 22 de xuño o segundo programa do ciclo, cun achegamento ao mundo da ópera a través de medios acústicos, electrónicos e dixitais. Sete derradeiras comidas está conducido por UMS’n JIP, un dos conxuntos de música contemporánea máis activos e experimentados da escena internacional, que destaca pola súa indagación na voz humana.

Despois do verán, as propostas Do Audible trasladaranse a A Coruña e a Pontevedra. No Museo de Arte Contemporánea da Coruña, o 21 de setembro, o director escénico Carlos Álvarez-Ossorio experimentará coas posibilidades de reinvención do teatro musical en Microteatro psicopático.

O concepto do espazo na composición a través de dous discursos paralelos -o da filosofía e o da música- é a suxestiva sesión de Turbulencias, que pechará o ciclo, o 4 de outubro, na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Documentos relacionados

Comparte