Miguel Anxo Fernán Vello

Miguel Anxo Fernán Vello (Cospeito, Lugo, 1958) é un dos poetas máis importantes da Galicia das últimas décadas, responsable así mesmo do seu máis relevante e lonxevo selo de poesía: Espiral Maior.

Membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega e o Centro PEN Galicia, desenvolve dende hai anos un destacado labor como articulista e colaborador dos medios e leva publicado libros de conversas con importantes persoeiros galegos, como o escritor e profesor Ricardo Carballo Calero ou o político, ensaísta e tamén profesor Xosé Manuel Beiras.

Aínda que se ten dedicado ocasionalmente á tradución e á narrativa, destaca sobre todo o seu labor como poeta e dramaturgo. No eido teatral son da súa autoría títulos como A casa dos afogados (1981) ―estreado polo Centro Dramático Galego en 1991―, A tertúlia das máscaras (1981), A estraña señorita Lou (1982) e Auto insólito do autor (1985) ―todos tres Premio da Escola Dramática Galega― e mais Cuarteto para unha noite de verao (1989) ―Premio Biblioteca do Arlequín.

Como poeta é autor de case unha vintena de obras, entre as que salientan Seivas de amor e tránsito (1984) ―Premio da Crítica Española―, Livro das paisaxes vivas (1985) ―traducida ao catalán―, Memorial de brancura (1985) ―Premio Esquío―, As certezas do clima (1996) ―Premio Martín Codax, traducido ao italiano―, Capital do corpo (2004) ―Premio Miguel González Garcés―, Territorio da desaparición (2004) ―traducido ao castelán, Premio da Crítica Española― e Habitación do asombro (2013) ―tamén vertido ao castelán, Premio Cidade de Ourense―. A piques de saír está Duración da penumbra, poemario co que gañou o último Premio de Poesía Afundación.

Dono dunha singular imaxinería poética na que señorea o símbolo e a dicción por veces épica, o langor melancólico da patria evocada e o intimismo dos sentidos vulnerados deixan escintilando nos seus versos unha queimadura branca que abala do persoal ao colectivo.