Manuel Rivas

Manuel Rivas (A Coruña, 1957) é un dos escritores galegos con maior proxección internacional. Membro da Real Academia Galega, ten sido traducido a múltiples idiomas, recibiu numerosos premios pola súa traxectoria tanto xornalística coma literaria e algunhas das súas obras máis coñecidas foron levadas ao cinema.

Narrador, poeta e ensaísta, ocasionalmente tamén dramaturgo, o seu labor nos medios de comunicación galegos e do resto do estado español é intenso e abrangue tanto a dirección de cabeceiras (así a revista Luzes) coma o columnismo en xornais de referencia como El País ou La Voz de Galicia.

Como narrador destacan os seus libros de relatos Un millón de vacas (1989) —Premio da Crítica Española—, En salvaxe compaña (1993) —Premio da Crítica de Galicia—, Que me queres, amor? (1995) —Premio Torrente Ballester e Premio Nacional de Narrativa—, O lapis do carpinteiro (1998) —Premio da Crítica Española— e Os libros arden mal (2006) —Premio da Crítica Española e Premio da Crítica de Galicia—. Recentemente publicou O último día de Terranova (2015), novela que está a recibir unha excelente acollida.

Os seus inicios como escritor viñeron da man da poesía, eido no que asinou textos de relevo como Balada nas praias do Oeste (1985), Mohicania (1986), Ningún cisne (1989) —Premio Leliadoura—, Costa da Morte blues (1995), O pobo da noite (1996) ou A desaparición da neve (2009), este último editado simultaneamente en todas as linguas cooficiais do estado español (galego, castelán, catalán e éuscaro). Gran parte desta produción recóllese no volume Do coñecido ao descoñecido. Obra poética (1980-2003) (2003). O último poemario aparecido é A boca da terra (2015), un éxito de crítica e lectorado.

A escrita de Rivas caracterízase pola súa vibración emotiva, o seu fondo lirismo e unha capacidade abraiante para a recreación da realidade en poderosas imaxes que metaforizan o noso mundo e fan da súa obra unha das máis apreciadas en Galicia e máis alá das súas fronteiras.

Datos de contacto