Zona de amortecemento

Como medida complementaria, co obxecto de reforzar a protección da paisaxe cultural e as súas condicións de implantación no territorio, delimítase unha zona de amortecemento, segundo o previsto no artigo 13 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Para definir esta zona de amortecemento tómase como límite xeral, axeitado e operativo, o do territorio completo das parroquias afectadas pola delimitación da paisaxe cultural, xa que a parroquia representa a unidade cultural da comunidade na que se asenta, é o marco da súa identidade grupal e así mesmo testemuña os procesos de consolidación e xestión do territorio que se están a recoñecer como valores da paisaxe cultural da Ribeira Sacra.

As características xeográficas, sentido de pertenza e comunidade, cuns límites definidos por condicionantes xeográficos e morfolóxicos, e asentados pola tradición, fan que a escolla da entidade parroquial sexa a axeitada.

Esta zona de amortecemento e os ámbitos por ela afectados non terán a consideración de ben de interese cultural, se ben para garantir os seus efectos determinarase un réxime de protección relacionado co establecemento de medidas específicas de integración e mellora ambiental das infraestruturas, instalacións e outras intervencións que pola súa magnitude ou características supoñan unha afección significativa ao territorio, ás condicións de percepción do ben e á súa comprensión.

Na proposta de delimitación se recollen parroquias enteiras seguindo o criterio de límite do que se dispón na cartografía oficial da Xunta de Galicia.

Documentos relacionados