Zona de amortecemento

Na zona de amortecemento poderán realizarse en xeral todo tipo de obras e instalacións fixas ou provisionais e as actividades normais segundo a natureza do solo ou cambiar o seu uso ou destino de conformidade co planeamento vixente sen necesidade da autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

Porén, polo seu alcance e o risco de deterioración ou destrución dos valores naturais e culturais identificados na paisaxe cultural da Ribeira Sacra e que están intimamente relacionados coa súa implantación territorial, requirirase a autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural nas seguintes intervencións localizadas nas parroquias que rodean á paisaxe cultural delimitada:

  • A construción de novas explotacións agrícolas, gandeiras ou de acuicultura que polas súas dimensións e actividades deban ser sometidas a trámite ambiental.
  • Os proxectos de explotación das extractivas que supoñan unha actividade a ceo aberto do material, as súas instalacións ou entullos.
  • A nova implantación de instalacións da industria enerxética como refinarías, centrais térmicas, de combustibles fósiles, hidráulicas, eólicas, solares, nucleares ou de calquera outro tipo de produción, transporte ou depósito. As actuacións de mantemento e conservación das existentes, tanto na zona de amortecemento coma na propia paisaxe cultural, non requirirán da devandita autorización nas condicións descritas nos apartados anteriores.
  • A nova implantación de instalacións da industria siderúrxica, mineira, química, téxtil ou papeleira.
  • O novo deseño ou a modificación dos seus trazados de infraestruturas de transporte e comunicación como estradas, ferrocarril, portos, aeroportos, canles, centros loxísticos ou similares. No caso de que a través dalgún procedemento de consulta previa se xustifique a pouca relevancia da modificación, non será precisa a autorización na zona de amortecemento para modificacións menores.
  • A nova implantación de infraestruturas hidráulicas e de aproveitamento da auga.
  • As instalacións de depósito, xestión e tratamento de residuos.
  • As transformacións da natureza do territorio para a implantación de novos usos. No caso das ribeiras nas que se constate a existencia de socalcos tradicionais, someteranse á autorización da DXPC as intervencións que poidan supoñer a súa desaparición. No resto dos casos, non será necesaria a autorización para a súa posta en uso, conservación ou restauración nin para a súa adecuación.
  • As explotacións forestais, agás aquelas que conten cun instrumento de ordenación ou xestión aprobado con informe favorable da consellaría competente en materia de patrimonio cultural ou as que supoñan a plantación de especies coma o carballo, o castiñeiro, a oliveira, froiteiras e outras autóctonas.