Túnel e explotacións mineiras de Montefurado (Quiroga)

As explotacións mineiras e túnel de Montefurado representan un elemento fundamental dun período significativo da Ribeira Sacra, ligado á explotación dos recursos e a grande transformación do territorio que elo implica. Trátase dunha explotación aurífera romana que se atopa emprazada na ladeira dereita do cauce do río Sil realizada sobre un gran depósito de masas de aluvión consolidado formado na era Terciaria, que na actualidade, presenta unha típica cor vermella. Trátase, polo tanto, dun xacemento secundario cun espesor de aluvión considerable sobre do cal os romanos empregaron técnicas de beneficio de carácter masivo, en concreto as coñecidas como cortas de minado, “ruina montium” ou “arrugia” que deixaron marcados no terreo diversos frontes polilobulados. No centro da explotación atópase a aldea de Montefurado.

O túnel de Montefurado, a Boca do Monte, que na actualidade conserva unha lonxitude de 52 metros, aínda que en orixe medía 120 metros por 20 metros de ancho. Foi construído na época romana coa finalidade de desviar a auga do río Sil e así, en seco, beneficiar as areas auríferas depositadas no gran meandro que describe o río neste lugar. A zona é ao tempo un paso natural e nela se concentraron os camiños tradicionais, o Camiño de Inverno, o ferrocarril e a estrada N-120 nunha estreita faixa. Na súa construción desviouse o curso natural do río quen atacaba o túnel lateralmente mentres que na actualidade o fai de xeito directo.