O topónimo

A Ribeira Sacra é un topónimo recoñecido que semella representar os seus dous caracteres máis singulares, o do propio accidente xeográfico da ribeira, que é a parte dos terreos de val máis próximos ao río, neste caso hipertrofiados na súa pendente e dimensión, e por outra a de ser un amplo espazo consagrado á vida espiritual.

Á vista da localización nos canóns formados polas ribeiras dos dous grandes ríos de Galicia, o Miño e o Sil, e do amplo e magnífico conxunto de monumentos e vestixios consagrados o topónimo semella reafirmase.

Mais no ámbito documental esta comarca debe o seu nome a un lugar moi concreto denominado Rouoyra Sacrata, termo que foi empregado nun documento datado o 21 de agosto de 1124 por Tareixa de Portugal, raíña dende o Océano ata o río Raspalloso (habitualmente referido como o Bibei), filla de Alfonso VI, e nai de Alfonso Henriques, primeiro rei de Portugal, nunha dotación ou declaración ao mosteiro de San Xoán o Vello nun lugar de monte do Ramo.

Neste documento, que se ten xulgado como unha falsificación (histórica), emprégase unha serie de referencias toponímicas e localizacións certas, cunha intención de xustificación de dereitos posesorios sobre un coto relativamente exiguo pero rico.

O termo Rouoyra etimoloxicamente faría referencia a reboira antes que a ribeira, derivado de robur, o carballo, e non de ripa, a ribeira. Polo tanto describiría unha carballeira sagrada, un bosque simbólico, que no século XII atoparíase nas terras de Caldelas, un lugar asociado a ritos míticos relacionados co mundo atlántico. Aínda que a súa localización é descoñecida na actualidade, semella probable a súa localización no ámbito da parroquia de Seoane Vello en Montederramo.

As referencias deste documento espurio resultan polo tanto auténticas e esclarecedoras do carácter sacro dun territorio e da antigüidade dun sistema de control e xestión do territorio baseado en doazóns e dereitos sustentados en comunidades cenobíticas activas no ámbito desde tempos moi primitivos e en número moi abondoso. Outros documentos, inscricións lapidarias, necrópoles, elementos parciais incorporados a novas arquitecturas, son probas da veracidade do contexto.

A identificación da reboira coa ribeira obedece á interpretación que fixo Frei Antonio de Yepes na Crónica General de la orden de San Benito, cando transcribe Rouoyra Sacrata por Ribera Sagrada (en castelán), topónimo que definía un territorio sagrado pola alta concentración de mosteiros e eremitorios que había nas marxes do Miño e do Sil e que dende primeiros anos do século XVII atopa fortuna na súa difusión, impoñéndose Ribeira Sacra pola forza da súa precisión ao identificar con eses vales encaixados con fortes pendentes nas que se distribúen as milenarias fundacións monásticas e se cultiva a vide en bancais o muras, un xeito de nova Tebaida cristiá nos confíns de occidente.

Poucos lugares como a Ribeira Sacra no mundo, unha comarca sen un límite administrativo, sen unha xurisdición común, sen unha nobreza dirixente concreta, teñen asumido unha personalidade única tan marcada e tan homoxénea derivada das características propias da súa natureza física, da súa bioloxía e das súas comunidades.

O uso histórico polas especialistas, primeiro, e pola xeneralidade das persoas, despois, do termo Ribeira Sacra dende os primeiros anos do XVII é a resposta a unha realidade que xa formaba parte do territorio, como amosa a pluralidade de topónimos que os habitantes destas terras empregaron para referirse a lugares dos que, os restos físicos só permanecían na xeografía da súa memoria, como Fonte dos Frades, Campos dos Frades, Mosteiro, Campos das Tombas, Oleiros, A Silla dos Freires, Adro Vello, Eirexa Vella, Ca Capela, Val Sagrado, O Penedo dos Penitentes, Cova do Santo,... ou advocacións de santuarios desaparecidos tamén como San Vitorio, San Facundo, San Pedro, Seoane,... todos eles vivos na memoria xunto coas dos mouros e dos encantamentos.