Suspensión de licenzas

A incoación do procedemento de declaración de interese cultural dun ben inmoble determinará, segundo establece o artigo 17.5 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG), a suspensión da tramitación das correspondentes licenzas municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas, así como dos efectos das xa outorgadas, a excepción das de mantemento e conservación.

A continuidade da suspensión dependerá da resolución ou da caducidade do expediente incoado. A suspensión levantarase coa resolución do procedemento. Respecto disto, os concellos deberanlle remitir á consellaría competente en materia de patrimonio cultural as solicitudes de licenzas de obras que non sexan exclusivamente de mantemento e conservación cuxa tramitación quedase suspendida e notificaranlles a suspensión aos promotores ou promotoras, aos construtores ou construtoras e aos técnicos directores ou técnicas directoras das obras.

As restantes obras que, por causa de interese xeral, teñan que realizarse con carácter inaprazable precisarán, en todo caso, a autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, logo de que o Consello da Xunta de Galicia determine a súa prevalencia.

Esta suspensión de licenzas alcanzará aos ámbitos que se identifican como novidade neste procedemento e non aos que xa contaban cunha declaración anterior e que non se modifican, senón que se inclúen co obxecto de complementar os seus valores culturais.

Así mesmo, a suspensión de licenzas alcanzará a aquelas actuacións que, por mor das medidas de protección e salvagarda que se definen neste procedemento, deban acadar a autorización previa en materia de patrimonio cultural, pero non afectará a todas aquelas outras actuacións e intervencións que pola súa natureza ou alcance non precisen da devandita autorización.

Polo tanto, as obras de conservación ou mantemento, tanto das edificacións como das infraestruturas e instalacións, así como as actividades relacionadas con elas e o seu normal funcionamento, e aquelas outras que non se recollan de forma específica como necesariamente sometidas ao réxime de autorizacións, poderán seguir a realizarse ou tramitarse en aplicación do réxime urbanístico ou sectorial correspondente.

Do mesmo xeito, tampouco se estima que a devandita suspensión afecte aos efectos das licenzas concedidas que estean xa en execución. En calquera caso, e como se indica no devandito artigo 17.5, sobre todas as licenzas concedidas o Concello informará do seu alcance e estado de execución para que, de ser o caso, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural poida informar da súa procedencia ou necesaria suspensión.

Tampouco se someterán ao réxime de suspensión de licenzas as actuacións e intervencións que, por xa afectar a bens do patrimonio cultural de Galicia ou estar localizadas no seu contorno de protección, contaran co informe favorable ou a autorización da DXPC nalgún dos seus trámites. Estímase que, no ámbito descrito, os procedementos de supervisión, informe e autorización previa xa se ten avaliado convenientemente as medidas protectoras e correctoras concretas para a conservación dos valores culturais, tanto dos bens como dos territorios nos que se implanta. En conclusión:

  • Os concellos suspenderán os procedementos de concesión de licenzas de parcelación e demolición no ámbito da paisaxe cultural da Ribeira Sacra e nos contornos de protección dos bens inmobles de interese cultural que se propón declarar con este procedemento recollidos na táboa 1 do anexo I da Resolución de incoación do expediente para declarar Ben de Interese Cultural a Ribeira Sacra.
  • Poderán ser tramitadas as licenzas de edificación relativas á conservación e mantemento dos inmobles e das infraestruturas e instalacións.
  • As obras de edificación que supoñan a consolidación e a restauración dos bens clasificados do patrimonio cultural entenderanse recollidas no alcance das obras de conservación sempre que acrediten a súa necesidade e axuste aos criterios de intervención previstos nos artigos 44 e 89 da LPCG, se ben precisarán da autorización previa da DXPC.
  • Tampouco se someterán á suspensión de licenzas as actuacións e intervencións que se recollen na Instrución do 8 de novembro de 2017 relativa ao trámite de autorizacións en materia de patrimonio cultural nos bens inmobles catalogados e declarados de interese cultural, os seus contornos de protección e as zonas de amortecemento (DOG 231 do 05.12.2017), posto que, tal como se indica, son intervencións e actuacións que non precisarán da autorización previa da DXPC.