Subestación do encoro de Belesar (Chantada)

A subestación do encoro de Belesar é un exemplo destacado do patrimonio industrial galego. Foi proxectada polo arquitecto Juan Castañón de Mena e o enxeñeiro L. Jordi Carricarte, no ano 1963 formando parte do proxecto do encoro de Belesar, e promovida pola empresa Forzas Eléctricas do Noroeste (FENOSA).

Como recolle García Brañas o edificio da subestación é unha peza moi notable de enxeñería e arquitectura, tanto no edificio administrativo como no de válvulas que está situado no medio das augas e que se apoia no terreo do fondo do pantano por medio dunha impresionante construción de uns cen metros de altura, de tal xeito que cando o encoro esta cheo parece que o edificio flota sobre a auga e queda patente a súa condición de transparencia, lograda pola presencia do vidro e as carpinterías metálicas nun rigoroso orde compositivo. Pola contra, cando o encoro está baixo, recorda ás construcións do futurismo italiano que serviron de inspiración aos seus autores. O estado de conservación deste inmoble é bo e está no uso para o que foi concibido.