Socalcos, muras ou pataos

Como elemento esencial na caracterización da paisaxe, respectaranse os socalcos, muras ou pataos existentes, estean ou non en uso. A posta en uso de socalcos abandonados non precisará de autorización cando sexa factible respectar o seu trazado, as súas condicións orixinais e os sistemas construtivos e materiais tradicionais. Así mesmo, a súa regularización parcial, a reconstrución puntual e a reparación estrutural tampouco requirirán de autorización cando se desenvolva en ámbitos produtivos parciais.

O uso das muras ou pataos de pedra en seco das dimensións tradicionais estímanse auténticos sempre que se realicen coas técnicas tradicionais da pedra en seco nos ámbitos e coas condicións dimensionais e de materiais que teñen os tradicionais.

En xeral estímase que as pendentes superiores aos 45º requirirán en calquera caso o uso de muras e que só as pendentes inferiores, cando concorren axeitadas condicións, podería permitir un abancalamento sen muro pero coas mesmas limitacións de altura de bancal. Os muros non deberán pasar a altura máxima de 2m, e só casos excepcionais xustificarían superar puntualmente estas dimensións, nunha fieira en concreto de remate ou nun lugar extraordinariamente complexo.

O desenvolvemento destes traballos implica que as reconstrucións se realizarán segundo a técnica tradicional da pedra en seco, manifestación do patrimonio cultural de Galicia censada segundo a Resolución do 31 de agosto de 2016 (DOG 186 do 29.09.2016), mantendo as condicións dimensionais de altura, material e técnica dos do seu entorno.

Excepcionalmente poderán ser autorizados muros e socalcos nos que a pedra seca sexa o acabado visible, namentres que a función estrutural a asuma outro tipo construtivo. Esta solución non será a habitual e deberá estar xustificada por razóns puntuais de estabilidade, de precariedade ou de seguridade que, nestes casos, precisarán da autorización da DXPC.

Tamén se considera apropiado a recuperación de espazos na actualidade improdutivos, ou a substitución de cultivos impropios do ámbito da paisaxe cultural (nomeadamente o piñeiro e o eucalipto), para o seu uso e, de ser o caso, nova configuración segundo os procedementos tradicionais da Ribeira Sacra. Cando estes procesos superen a extensión dos 2.000m2 precisarán da autorización.