Ribeira Sacra

O 27 de decembro de 2018 o presidente da Xunta de Galicia, segundo a proposta do conselleiro de Cultura e Turismo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, dispuxo a aprobación do Decreto 166/2018, do 27 de decembro, polo que se declara ben de interese cultural a paisaxe cultural da Ribeira Sacra (DOG 248 do 31 de decembro de 2018), recoñecendo así o valor cultural sobranceiro deste territorio, con características culturais materiais e inmateriais singulares, obras combinadas da natureza e o ser humano.

Así mesmo, esta iniciativa está encamiñada a acadar no futuro o recoñecemento da inclusión da Ribeira Sacra na Lista do Patrimonio Mundial, en cuxa Lista indicativa leva desde o ano 1996, e que xa foi formalmente aceptada pola UNESCO para a súa avaliación no Comité do Patrimonio Mundial de 2021.

En ningún outro lugar coma na Ribeira Sacra a definición da paisaxe cultural nin os criterios de valor universal excepcional dun territorio poden atopar unha mellor materialización e unha manifestación tan singular e meritoria do esforzo dunha comunidade, desde a prehistoria á actualidade, por adaptar un territorio único, coas súas extremas dificultades e coas súas magníficas oportunidades, a múltiples acontecementos: ao devir da historia; ao poder e á convivencia doméstica; á economía dun imperio e á dun pequeno lugar, e á cavadura duns centos de metros; aos retos e abismos das relacións e adaptacións culturais; á enerxía dun pequeno artefacto e á enerxía de todo un país da que depende o seu conforto e o seu modo de vida básico.

A Ribeira Sacra é o resultado de milleiros de anos de adaptación paciente e resiliencia activa de xeracións de mulleres e de homes a un territorio singular. A Ribeira Sacra é un exemplo excepcional e sobranceiro dunha paisaxe cultural, onde cobra significado a creación dun territorio pola acción das persoas sobre a natureza, alcanzando as súas manifestacións materiais e inmateriais un valor equivalente ao do seu substrato xeográfico.

Co fin de protexer estes valores e de encamiñar a actividade pública para a súa salvagarda e difusión, así como para establecer os parámetros que garantan a conservación dos seus valores compatibles co desenvolvemento das actividades sociais, económicas, culturais ou de lecer que nela se desenvolvan, estímase xustificado o seu recoñecemento como BIC, coa categoría de paisaxe cultural, xunto coa relación doutros bens e manifestacións que completan o seu sentido e valor cultural, así como establecer unha zona de amortecemento como medida adicional e reforzo das condición para a súa salvagarda.

Así mesmo, o decreto recoñece un marco espacial máis amplo, o do Territorio da Ribeira Sacra, composto pola totalidade dos concellos de Carballedo, Castro Caldelas, Chantada, Esgos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Pantón, Parada de Sil, Paradela, Monforte de Lemos, A Peroxa, A Pobra do Brollón, A Pobra de Trives, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, O Saviñao, Sober, Taboada, A Teixeira e Xunqueira de Espadanedo, no que resultan o obxecto das medidas e ferramentas de xestión para a preservación dos valores culturais e das comunidades locais que o sosteñen.