Réxime xeral

O conxunto de bens e de manifestacións que se propón clasificar como bens de interese cultural (BIC) teñen unha natureza, categorías e tipoloxías moi diferentes que requiren dun tratamento específico e concreto para eles segundo as súas características, de xeito que as medidas para a súa salvagarda resulten eficaces e xustificadas.

Nun primeiro lugar debe indicarse que a través deste procedemento se están a incorporar bens que xa na actualidade posúen a consideración de BIC. Para estes, o réxime de protección non variará e será de aplicación directamente o establecido no marco lexislativo vixente. Pola mesma razón non será necesario para estes ámbitos o establecemento de ningunha medida adicional de protección nin outro réxime provisional.

Para os bens declarados que non contasen previamente cun contorno de protección específico, as medidas efectivas de protección sobre o ben seguirán a ser as mesmas das que xa dispoñían desde o momento da súa declaración, se ben para as novas zonas delimitadas, nomeadamente os contornos de protección, será de aplicación o réxime provisional e a consecuente suspensión de licenzas, posto que nestes casos os devanditos contornos non estiveran previamente sometidos a trámite de información pública.

Para o resto de bens que se recollen individualmente coma BIC e que non contaran de forma previa con esta consideración, así como para a definición tanto da paisaxe cultural como da súa zona de amortecemento, este procedemento define un réxime de protección que será de aplicación provisional ata o momento da súa aprobación definitiva ou a caducidade do expediente.

A paisaxe cultural esixe un réxime de protección propio adaptado á súa dimensión territorial e aos valores culturais, naturais e mixtos que a conforman. O artigo 59 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG) establece a necesidade dun instrumento específico de ordenación territorial ou urbanística que conteña as determinacións precisas para asegurar a súa protección e salvagardar os seus valores.

Entre tanto e de forma previa á elaboración do devandito documento, algunhas das actuacións e intervencións que se propoña realizar no ámbito delimitado da paisaxe cultural requirirán a necesaria autorización da Consellería competente en materia de patrimonio cultural. Neste procedemento especifícanse cales son as intervencións que, pola súa afección potencial aos valores que se identifican, deben contar coa devandita autorización previa. En calquera caso, poderán desenvolverse as medidas do documento específico de forma global ou de forma parcial por ámbitos ou sectores da actividade, de tal xeito que de forma gradual e adaptándose ás circunstancias e eventualidades que poidan ser precisas, se favorezan as medidas de salvagarda e as propias inercias da paisaxe cultural orgánica e evolutiva viva da Ribeira Sacra.

Así mesmo, no ámbito dos bens culturais específicos e en toda a paisaxe cultural, nos seus contornos e na zona de amortecemento, será de aplicación a estrutura interpretativa da Instrución do 8 de novembro de 2017 relativa ao trámite de autorizacións en materia de patrimonio cultural nos bens inmobles catalogados e declarados de interese cultural, os seus contornos de protección e as zonas de amortecemento na que se recollen os criterios para determinar o alcance das autorizacións en función da intensidade das intervencións sobre os bens do patrimonio cultural de Galicia. Para estes efectos cómpre sinalar que no ámbito da paisaxe cultural os criterios para determinar as intervencións sometidas ao trámite de autorización serán equivalentes ás dos contornos dos monumentos, entendendo a compoñente territorial que esta figura de protección implica.

O réxime da zona de amortecemento será o que corresponde á súa natureza e xustificación como medida adicional de salvagarda dos aspectos territorios, de implantación, integración e percepción, e polo tanto do control da actuación en materia de grandes infraestruturas e instalacións que polo seu alcance poidan supoñer un impacto territorial. Así, axustarase nestes aspectos ao recollido no artigo 47 da LPCG.

De forma resumida, e co fin de ter unha visión global do réxime de protección e salvagarda establecido en función da clasificación, natureza e categoría dos bens, o réxime de protección podería definirse segundo o seu diferente alcance: