Restauración e mellora da conservación de elementos patrimoniais singulares da Ribeira Sacra

Custo total da operación: 3.043.125,03€

Axuda FEDER: 2.383.359,06 €

Obxectivo: aumentar o número de visitas previstas a lugares pertencentes ao patrimonio cultural.

Situación: concellos de Chantada, Esgos, Monforte de Lemos, Nogueira de Ramuín, O Saviñao, Pantón, Parada de Sil, Portomarín, Sober e Xunqueira de Espadanedo. Ribeira Sacra (Lugo).

Temporización: Primeiro semestre 2016 – decembro 2022

 

Actuación:

A Ribeira Sacra está situada entre os ríos Sil e Miño e é unha das áreas xeográficas de Galicia con maior concentración de enclaves monásticas e cun rico patrimonio cultural, artístico e arquitectónico. Así, cómpre lembrar que está en trámite a declaración da Ribeira Sacra como ben de interese cultural (BIC), motivo polo cal é acaída a actuación da posta en valor destes elementos senlleiros en condicións de conservación precarias.

Nas igrexas e mosteiros destas terras establecéronse moitos eremitas en busca de illamento para a oración; como fixera san Martín Dumiense ou san Frutuoso. Pouco a pouco formáronse as primeiras comunidades ao redor do século X; algunhas eran cistercienses e outras beneditinas. Entre os séculos XI e XII eses lugares dependeron directamente de Cluny. No século XV, cando os Reis Católicos fixeron unha reforma profunda que consistiu na centralización de todos os mosteiros beneditinos na Congregación de San Bieito Real de Valladolid, perderon a súa independencia pero gañaron revitalización. Durante os séculos seguintes seguirán as reformas e melloras destes mosteiros. Na primeira metade do século XIX, cos Decretos Reais de exclaustración, moitos destes mosteiros foron abandonados e esquecidos ata que no século XX se apostou pola súa recuperación.

O obxectivo da actuación é resolver os problemas de conservación dos elementos singulares dos edificios, atallando as causas do deterioro no edificio para restaurar as pinturas murais, elementos escultóricos ou retabilísticos. Nalgún caso, as condicións do edificio son adecuadas pero o elemento artístico está danado e resulta preciso acometer a súa restauración, para evitar o seu deterioro e finalmente a súa perda. Noutros, como en Diomondi, é posible acometer os traballos nunha actuación única.

Están previstas as seguintes actuacións marco:

  • Restauración de pinturas e retablo do presbiterio da igrexa de santa María de Nogueira, Chantada.
  • Actuacións de conservación das pinturas de San Pedro de Rocas, Esgos.
  • Restauración das fachadas en San Vicente do Pino en Monforte de Lemos.
  • Actuacións de conservación na igrexa, claustro e áreas de visita pública do Colexio do Cardeal de Monforte de Lemos.
  • Actuacións de restauración dos bens artísticos -retablos- da igrexa de Santa María a Antiga en Monforte de Lemos.
  • Restauración da igrexa de Santo Estevo de Ribas de Sil, Nogueira de Ramuín.
  • Restauración da cuberta e portada románica da igrexa do conxunto de san Paio de Diomondi, O Saviñao.
  • Restauración na reitoral de san Paio de Diomondi, para a súa incorporación á visita cultural, O Saviñao.
  • Restauración da cuberta e muros da igrexa de santo Estevo de Ribas de Miño, O Saviñao.
  • Restauración de cuberta e mellora de condicións de humidade e posterior restauración das pinturas murais na igrexa de san Vicente de Pombeiro, Pantón.
  • Actuacións de conservación nas pinturas murais e adecuación do adro da igrexa de santo Estevo de Atán, Pantón.
  • Actuacións de conservación e mellora de accesibilidade do mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, Parada de Sil.
  • Actuacións de reparación, restauración e traballos de conservación na igrexa de san Xoán ou san Nicolao, Portomarín.
  • Restauración de cuberta, mellora de condicións de humidade e posterior restauración das pinturas na igrexa de Pinol, Sober.
  • Restauración das pinturas do muro norte da igrexa de san Xiao de Lobios, Sober.
  • Restauración e conservación do mosteiro de Xunqueira de Espadanedo.

Prevese tamén a dotación de recursos de apoio á visita e/ou exposición pública, a dotación de recursos culturais e os traballos de investigación precisos, coa finalidade de garantir a conservación e a protección do ben e a maior abundamento á súa promoción cultural.

 

 

Operación cofinanciada pola Unión Europea

Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020

Contribuír á conservación do medio ambiente e do patrimonio cultural

Unha maneira de facer Europa