Proceso de elaboración

A elaboración da Estratexia da Cultura Galega 2021 baséase nun proceso compartido e transparente que favorece a participación dos profesionais da cultura e empresas culturais, institucións, entidades de base e asociacionismo.

Encontros informativos
Entre novembro de 2017 e xaneiro de 2018 leváronse a cabo en toda a comunidade galega diversos encontros informativos cos sectores da cultura para dar a coñecer o proxecto da Estratexia da Cultura Galega, que tiveron lugar nas cidades de Santiago de Compostela, Vigo, Ourense, Pontevedra, A Coruña, Ferrol e Lugo.

Diagnose
Para planificar e definir a acción política cultural con garantías, promoveuse un estudo sobre a situación da cultura galega actual, que foi elaborado polo Consello da Cultura Galega, a través do Observatorio da Cultura Galega, ao abeiro dun acordo interinstitucional coa Xunta de Galicia.

Diagnose da cultura galega. Datos para unha estratexia cultural no século XXI realizouse a partir de datos cualitativos e cuantitativos dos sectores máis relevantes da cultura galega, co fin de dispoñer dunha información ampla, contrastada e fiable do estado da cultura en Galicia, que facilite a identificación das debilidades e fortalezas, así como os elementos contextuais estratéxicos que configuran o sector.

Grupos de traballo
Xunto coa Diagnose da cultura galega, a elaboración da ECG parte da necesaria contribución de recoñecidos profesionais dos diferentes sectores que participan nos grupos de traballo, a través da achega do seu coñecemento e experiencia. O obxectivo destes grupos é propoñer as liñas de acción e as medidas correspondentes que definirán esta folla de ruta da política cultural galega ata 2021.

Os grupos de traballo artéllanse arredor dos seguintes eixos:
- Libro
- Audiovisual
- Artes escénicas
- Música (profesional e non profesional)
- Artes plásticas e visuais
- Patrimonio cultural
- Institucións da memoria (bibliotecas, arquivos, museos e fundacións de autor)
- Cidade da Cultura de Galicia

Participación cidadá
O proceso de elaboración da Estratexia da Cultura Galega contempla a participación cidadá para que as persoas interesadas poidan realizar as súas achegas. Unha vez redactado o documento de traballo da ECG21, poñerase en marcha unha fase de exposición pública da proposta a través das canles en liña da Xunta de Galicia, co fin de recibir comentarios, suxestións e alegacións da cidadanía que poidan contribuír a mellorar o documento. A continuación, procederase á elaboración do documento final para levar o informe ao Consello da Xunta de Galicia. Finalmente, a ECG21 seralle remitida ao Parlamento de Galicia.