Postes e elevadores mecánicos

Estímase que a instalación de titores, de guías e riostas, elevadores mecánicos para o movemento de caixas e ferramentas e doutros elementos similares, como instalacións de rego ou depósitos provisionais, etc., son consubstanciais ao desenvolvemento da actividade, e polo tanto non precisan de autorización para a súa instalación, retirada, reforma ou reparación. Porén, co obxecto da súa mellor integración, estes elementos usarán preferentemente materiais naturais ou, no seu caso, materiais que non teñan unha incidencia na súa percepción que deturpe os seus valores. Por tal razón serán asumibles materiais plásticos ou metálicos, sempre que o seu acabado non sexa rechamante ou brillante. Empregaranse tons mates e sen brillos ou pintaranse en cores negras, verdes ou térreas. Evitarase o uso de materiais non axeitados ou a reciclaxe de elementos de construción que non estean deseñados para a súa función.

Os elevadores mecánicos buscarán o menor trazado e percorrido, nas proximidades dos accesos e pistas, e mantendo a estrutura de socalcos existentes. Reducirán o seu largo ao mínimo necesario, non superior a 1m, e procurarán seguir trazados perpendiculares á liña de pendente e non trazados diagonais.