Poboado dos Covallos en Montefurado (Quiroga)

O poboado de Covallos de Montefurado representa un elemento sobranceiro que ilustra a transformación da paisaxe da mediados do século XX cando se construíron os grandes encoros. O poboado foi promovido por Iberdrola para albergar o persoal que ía traballar na central de Montefurado, que se atopa a moi pouca distancia, e as outras centrais do Sil que estaban nas proximidades. No ano 1954 os enxeñeiros J. Trincado, F. Gómez e E. Casado deseñaron sobre o río Bibei un novo encoro antes da súa desembocadura no Sil e vinculada á esta obra de enxeñería naceu este poboado que seguindo os criterios da época plantexaba unha urbanización a modo de pequena cidade con todas as infraestruturas necesarias para o seu desenvolvemento e diferentes tipoloxías arquitectónicas para uso administrativo, educativo, comercial, relixioso, ou vivendas para as diferentes escalas dos traballadores.

As construcións combinan a cachotería de granito co ladrillo cerámico encalado e a lousa para os tellados. O interese deste conxunto é a súa homoxeneidade, disposición sobre o territorio e o modelo de asentamento social ligado a un traballo e unha empresa específica, tipoloxía que se atopa repetida noutros casos ao longo da Ribeira Sacra.

O terreo sobre o que se construíu o poboado dos Covallos é unha antiga explotación aurífera romana que se atopa emprazada na ladeira esquerda do cauce do río Sil realizada sobre un pequeno depósito de masas de aluvión consolidado formado na era Terciaria.

Trátase, polo tanto, dun xacemento secundario cun espesor de aluvión considerable sobre do que, na época galaico-romana, empregáronse técnicas de beneficio de carácter masivo, en concreto as coñecidas como cortas de minado, “ruina montium” ou “arrugia”. Sobre os restos desa explotación atópase o poboado.