Pazo de Tor (Monforte de Lemos)

O Pazo de Tor está situado nunha elevación que lle serve de miradoiro sobre o val de Lemos na parroquia de San Xoán de Tor, pertencente ó concello de Monforte de Lemos. As orixes do pazo están ligadas á liñaxe dos Garza no século XIV e a súa posesión mantívose en mans dos seus descendentes directos ata a súa derradeira propietaria María de la Paz Taboada de Andrés y Zúñiga, que fixo doazón da propiedade á Deputación Provincial de Lugo. O edificio foi construído no último tercio do século XVIII aínda que conserva algún vestixio anterior e foi tamén afectado por algunha reforma posterior (como as reparacións efectuadas tralo seu incendio polas tropas napoleónicas).

É encadrable dentro do estilo barroco, de longa persistencia en Galicia, pero xa matizado por certo sentimento estético neoclásico, visible na súa sobriedade, simetría e emprego das ordes clásicas. Os elementos decorativos concéntranse nas fachadas e a organización interna do edificio diferencia claramente un baixo de servizo que alberga as dependencias necesarias en toda facenda agropecuaria (cocheiras, adegas, cortes, tullas, vivenda dos criados e caseiros...) e un primeiro andar reservado a residencia dos donos do pazo.Cando a Deputación Provincial de Lugo recibe a doazón do pazo acomete unha serie de obras de acondicionamento e mellora do edificio, respectando escrupulosamente a súa estrutura e distribución. A un tempo desde o Museo Provincial procédese a musealización do pazo que se abre ós visitantes o día 13 de xullo do ano 2006.