Paisaxe cultural e contornos de protección dos bens inmobles singularmente clasificados

As intervencións propostas nos contornos de protección dos bens devanditos que non teñan efectos sobre as condicións de apreciación nin perturben ao sentido do ben protexido no seu ambiente non precisan de autorización previa en materia de protección do patrimonio cultural.

As intervencións que polo seu carácter de escasa complexidade técnica e nula afección aos bens protexidos (aos seus valores, á súa contemplación, apreciación ou estudo e ao carácter arquitectónico e paisaxístico da zona), e que non impidan ou perturben a súa contemplación nin supoñan ningún risco para os bens -por producírense no interior de edificios ou locais que non conten con ningunha protección polo seu valor cultural e non supoñan ningunha manifestación en absoluto cara ao exterior- non precisan da autorización previa da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

  • As actuacións de investigación e mantemento que, realizadas sobre os inmobles localizados no contorno, non afecten os propios bens protexidos. Estas intervencións deben interpretarse de xeito estrito segundo a definición do artigo 40.a) e c) da Lei 5/2016 e non implicar efectos sobre a conservación dos materiais tradicionais, a integración volumétrica e os aspectos cromáticos do conxunto, é dicir, aplicando os criterios definidos no artigo 46, en especial, empregando «materiais, solucións construtivas e características dimensionais e tipolóxicas en coherencia co ámbito en calquera tipo de intervencións».
  • As reparacións de cubertas que afecten só o material de cubrición, repoñendo o mesmo material tradicional existente, se este é coherente coa tradición da área xeográfica en que se atopa o inmoble.

Estas reparacións non poderán incluír modificacións da forma do tellado, apertura de ocos, construción de chemineas nin modificación da solución dos beirís introducindo cornixas, voos, etc. que, se for o caso, si precisarán de autorización.

A pintura de fachadas e das carpintarías exteriores na mesma cor existente, sempre que esta sexa coherente coa tradición da área xeográfica en que se atope o inmoble ou se axuste aos criterios de cor que se poidan definir ou orientar desde a Xunta de Galicia.

En caso contrario, deberá someterse a autorización co obxecto de determinar a cor e acabamentos apropiados.

  • A reparación de carpintarías sempre que se manteña o material, a solución formal e construtiva e os acabamentos existentes, agás nos casos en que se teña establecido por algunha condición xeral de protección do ámbito a necesaria adaptación a algún tipo orixinal característico do ámbito.
  • A reparación de revestimentos se se mantén a solución formal e construtiva existente, así como as súas cores e acabamentos.

Non se aplicará este criterio ao mantemento de materiais construtivos deseñados para empregarse revestidos e que permanezan vistos ou sen rematar como as fábricas de bloque de formigón ou tixolo visto ou o emprego de materias de construción en sistemas ou funcións para os cales non estean deseñados como os forros de fachadas con materiais de cobertura de cubertas, ou os peches de leiras e edificios con elementos de mobiliario ou refugallos industriais.

Admitiranse as reparacións das impermeabilizacións de medianís e fachadas secundarias con forros de placa de fibrocemento minionda sempre que como remate se pinten da mesma cor que o resto das fachadas do inmoble.

  • Os traballos de reforzo ou mellora estrutural, sempre que non produzan ningún efecto visible ou aparente desde o exterior e non exista unha protección, aínda con carácter xeral, que estableza algunha determinación concreta de protección estrutural para os inmobles localizados no devandito contorno.

Tamén deberán ser sometidos a autorización este tipo de traballos cando afecten o subsolo no caso de contornos de bens do patrimonio arqueolóxico.

  • As reparacións e reposicións de peches de leiras que empreguen os materiais, técnicas e solucións construtivas tradicionais orixinais dos elementos en que se intervén ou a construción de novos peches segundo os modelos que poidan definirse desde a Xunta de Galicia, agás no caso dos contornos de protección dos bens do patrimonio arqueolóxico.
  • Reposición de tendidos de instalacións de subministración de enerxía, voz e datos, ou outros servizos públicos existentes sempre que se realicen sen alterar a traza, posición e características ambientais dos tendidos de redes, liñas e instalacións existentes e non afecten o rexistro arqueolóxico dos bens.
  • Reparación de materiais de pavimentación de vías ou espazos públicos mantendo os existentes e sempre que non supoña actuacións de carácter xeral.
  • Reparación do mobiliario urbano mantendo o material, a solución formal e construtiva e os acabamentos existentes.
  • Traballos de limpeza de bens inmobles, espazos libres, vías públicas ou bens artísticos localizados neles que non conten cunha clasificación individualizada.
  • Traballos de desbroce e os de xestión da biomasa forestal relacionados co cumprimento da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais, en especial no relativo aos perímetros de protección que establece a Lei para a seguridade das persoas e dos bens,  sempre que non afecten a ámbitos especificamente protexidos polo seu valor arqueolóxico, para os que será necesaria a autorización previa da DXPC. Como indica a disposición adicional terceira da devandita lei, a xestión da biomasa limitarase ás especies sinaladas no texto e, en todo caso, poderán conservarse aqueles que cumpran funcións ornamentais ou se atopen illados e non supuxesen un risco para a propagación de incendios forestais
  • Traballos de poda e tratamento de silvicultura sobre árbores e arbustos de relevancia ambiental, sempre que non se altere o seu carácter en relación coa escena urbana e a paisaxe natural en que se encadran.
  • Cambios de actividade sen reforma dos locais ou cando a reforma non afecta o aspecto exterior. Os rótulos e sinalización si deberán someterse á autorización agás nos casos en que se empreguen os mesmos soportes e dimensións que os existentes e xa fosen autorizados previamente.

No caso de que, aínda que as obras sexan semellantes ás definidas nos puntos anteriores pero se propoñan diferenzas de materiais, acabamentos e técnicas construtivas, ou a incorporación de novas instalacións visibles ou cambios dimensionais, as intervencións descritas si terían efectos sobre a súa apreciación e, por tanto, requirían da correspondente autorización da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Para o caso de intervencións que teñan un carácter continuo ou periódico, deberá avaliarse a posibilidade de establecer ou requirir a elaboración dun protocolo ou proxecto de mantemento, adaptado ás características propias do ámbito, que resulte proporcionado á previsión das intervencións ou aos especiais valores culturais do ben.

De ser o caso, e unha vez que o devandito protocolo de mantemento sexa autorizado, poderán entenderse autorizadas todas as intervencións que o desenvolvan, sempre que se teñan especificado convenientemente as características técnicas e materiais das operacións e a súa vixencia e periodicidade, así como os criterios para a avaliación da súa eficacia e necesaria revisión, se for o caso.

Isto é, que unha vez autorizado un protocolo de mantemento, a realización das operacións que o desenvolvan ao longo do tempo e ata que sexa necesaria a súa revisión en función dos indicadores obxectivos que se establezan, tampouco precisen de posteriores autorizacións.

Cando as intervencións requiran a total substitución dos elementos orixinais polo seu grao de deterioración, se non puider garantirse a total correspondencia cos materiais, deseño e técnicas tradicionais, será precisa a autorización da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.