Paisaxe cultural

Os criterios para a delimitación fundaméntanse no concepto de paisaxe cultural, que integra a relación do home e a natureza, identificada como unha paisaxe cultural orgánica e viva que conserva unha función social contemporánea vinculada aos modos de vida tradicionais e que prosigue no seu proceso evolutivo e ao mesmo tempo presenta probas materiais manifestas de interese sobranceiro dese proceso evolutivo ao longo do tempo.

O obxectivo desta delimitación é fixar o límite dos valores principais a protexer, divididos en tres grupos: naturais, nos que se combinan factores climáticos, xeomorfolóxicos, acuáticos e biolóxicos; culturais, en relación cos bens existentes coa máxima protección e outros elementos relixiosos, seculares e etnolóxicos; e mixtos, que reflicten a interacción home-natureza na construción deste territorio.

Para abarcar os tres grupos de valores principais tivéronse en conta os seguintes criterios:

  • Xeomorfoloxía dos canóns e dos seus afluentes principais, abarcando ribeiras, e bordes da bocarribeira.
  • Bens de Interese Cultural existentes, máis aqueles de valor extraordinario que se teñen identificado na revisión da información e datos existentes, así como os seus contornos de protección.
  • A construción do territorio en socalcos, que na súa maioría atópanse nas ladeiras con máximas pendentes.

A extensión dunha paisaxe cultural orgánica, viva no sustento do tradicional, respectuosa coas pegadas que testemuñan o seu devir e que dirixen o seu futuro, fundaméntase na súa funcionalidade e na súa intelixibilidade: o ámbito elixido representa a totalidade da paisaxe cultural que ilustra, aínda que esta efectivamente é máis extensa.

A delimitación se fundamenta no estudo conxunto de todas as variables para tratar de obxectivar tanto os fitos estremos (Belesar, Peares e Torbeo) como a liña que debe representar un límite tanxible, que se materialice no espazo. A paisaxe é unha longa liña flexible co seu eixo das canles do Miño e do Sil ata a súa confluencia, que son o fío condutor do territorio e dos seus elementos máis significativos.