Olaría tradicional

Entre as técnicas tradicionais máis estendidas e funcionais da Ribeira Sacra está a olaría, traballo destinado principalmente ao consumo propio das poboacións locais e como industria complementaria do comercio do viño.

A olaría da Ribeira Sacra ten unhas características comúns singulares en canto ao tipo de produtor e consumidor, se ben contrastan nas dúas ribeiras do Sil polo material, os procedementos e as formas, de tal forma que resultan perfectamente distinguibles e diferenciadas. Tanto a Terra de Gundivós como a Aldea de Niñodaguia eran aldeas especializadas na produción oleira. Se ben pode estimarse factible a continuidade dunha certa actividade cerámica dende a época castrexa e pasando pola medieval, o tipo de vida e recursos dos campesiños non había dar para moito máis que un consumo esporádico e local, namentres que os grandes posuidores da terra acostumaban importar a louza.

Porén, coa mellora das condicións económicas dos campesiños, especialmente a partir do século XVII, coas melloras agrarias e produtivas, comezou a creación dun consumidor dunha cerámica modesta e accesible, o que se veu fortemente incrementado co pulo da produción e o comercio máis sistemático do viño. Na Ribeira Sacra a produción da cerámica sería unha actividade a tempo parcial do campesiño integrada na súa economía doméstica. As aldeas de cacharreiros están documentadas dende o século XVIII en diversos censos  e escritos. No caso das terras da Ribeira Sacra a louza está destinada en especial ao viño.

Olería de Gundivós

O caso característico dunha olería nas raíces máis antigas da tradición artesanal é a olería de Gundivós, e a actividade alcanzou tal extensión que esta parroquia do Concello de Sober era coñecida como terra de cacharreiros. Os traballos eran realizados tanto por homes como mulleres, tanto na produción coma no comercio, en talleres familiares nos que ocasionalmente podía traballar algún xornaleiro. Os cacharreiros non traballaban a terra coa intensidade dos seus familiares porque tiñan que manter as mans e o pulso para alisar as olas, e gozaban do respecto dos seus veciños. O barro sacábase con pico, rodo e aixada de buratos de ata máis de 2m de profundidade de lugares próximos á parroquia (Lobios e Veiga de Liñares) con diferentes calidades polo que se mesturaban por metades para garantir o mellor produto. Para dar cor, pode mesturarse barro rubio de Gundivós. De cada feira podía traballarse un carro de barro. Entre tanto o material amolentaba no barreiro, alpendre xunto á casa, picándoo cunha barra de ferro. O barro trabállase sistematicamente en porcións pequenas humedecéndoo, estirándoo e golpeándoo para sacar calquera impureza e conseguir unha masa axeitada para modelar durante unha xornada. O cacharreiro de Gundivós traballa cun torno baixo de grosa madeira de carballo, a roda, pesada e de moita inercia, que ten unha peza de resalte central para centrar o modelo co que se vai traballar e na que está gravada a súa marca, sobre un eixo ou vio de madeira de buxo ou cerdeira. Esta máquina pode dispoñerse no lugar que resulte máis cómodo para traballar, firme sobre un tallo. Para darlle voltas, entre a roda e o tallo disponse duns brazos en cruz que serven para dar impulsos periódicos.

O modelado faise cunha pitela e trapos, sentado sobre un banco e co torno entre as pernas, e só para pezas grandes pode ser necesaria a axuda dunha segunda persoa, xa que se constrúen por partes. As pezas secan ao aire sobre un canizo na cociña, ao sol no inverno ou á sombra no verán. A decoración é escasa, só con cordóns ou vincos e liñas incisas. As formas habituais son a ámboa, para almacenaxe de calquera produto,  o cántaro, para a medida do viño, que se distinguía cos vincos perimetrais, as olas de auga, sen medida, e outras máis pequenas, destinadas para o leite, para a cociña, a matanza, etc. A peza máis singular e recoñecible, ademais da ámboa e o cántaro, pode ser o xarro, que destaca pola complexidade da súa boca, apretada e decorada con vincos, e que ten unha forma plástica e suxestiva moi singular e evocadora, e medidas dende unha ola de 16 litros ata 1 litro ou menos. Destacan tamén pola súa beleza e polo depurado da súa forma e deseño as meleiras e os botixos.

As pezas cócense nun forno de propiedade familiar, próximo á casa e á leñeira, moi rústico, abertos por arriba e sen grade, duns dous metros de altura e rodeados de terra. Para a cocción dispóñense olas xa cocidas desbotadas doutras cocidas e sobre delas as pezas secas unhas sobre outras, as pequenas sobre as grandes e enchendo os baleiros polo medio con outras. Ao superar a altura do forno, volven dispoñerse outras pezas rotas. O lume primeiro é máis tépedo e nunha segunda fase se aviva, por unhas catro horas cada fase. As brasas sácanse para cubrir a bóveda e cando a lapa é limpa, cúbrese todo con terróns. A súa cor despois da cocción é rubia, o que pode propiciarse engadindo sal ao remate da cocción. As pezas máis negras ou escuras son as máis afectadas polo lume. Para mellorar a súa impermeabilidade algunhas pezas empegábanse con pez polo interior. Para elo debía quentarse a peza e co fume da palla quedaba ennegrecida. Estas pezas resultaban ás máis eficaces polo que tamén son as que lle dan unha maior sona a Gundivós. Na actualidade o Centro Oleiro de Gundivós de Elías González, na antiga reitoral, mantén viva esta técnica construtiva coa produción das pezas tradicionais segundo a técnica de torno baixo e cocción con leña.

Olería de Niñodaguia

No caso de Niñodaguia en Xunqueira de Espadanedo, a técnica e o resultado plástico é ben diferente, e supón un caso diferenciado da cacharrería de todo o centro e sur galego. A posición da aldea de Niñodaguia á beira do camiño a Ourense poido ter que ver na incorporación de técnicas novidosas nesta zona de Galicia, como o vidrado, que non se reproducen no seu contorno, e unha sistemática anovación dos procedementos. 

Neste caso a profesión era case que exclusivamente masculina e, aínda que humilde, gozaba de prestixio. A actividade tradicional era tamén de carácter familiar e en exclusiva por mor do coidado das mans, namentres que a economía familiar esixía a achega do traballo do campo.

Os cacharreiros ou xarreiros traballaban no fallado da casa, sobre a cociña, e máis recentemente en pendellos sinxelos de ladrillo cerámico, situados nas proximidades da casa, abertos e con espazo para varios traballadores.

O barro de Niñodaguia extraese do lugar de Veigachá, do Monte do Barro, que é propiedade dos veciños que colaboran no seu mantemento.

O barro sácabase de galerías escavadas a uns 6 metros de profundidade ao final do verán, aínda que na actualidade coa axuda dunha máquina, no seu momento a retirada manual era máis penosa, aínda que máis selectiva, e permitía recoller a nata, o barro de maior calidade que daba as cores amarelas características das pezas de Niñodaguia.

En carros se levaba para as proximidades da casa, en forma de pedras sólidas, que se mazaban nun maseiro de madeira de carballo que logo se peneiraba para deixar un pó selecto. No propio maseiro se engade auga para obter o produto de moldeado, amasándoo repetidamente, aínda que este proceso está hoxe mecanizado tamén.

As pezas moldéanse nun torno alto, cun eixo de bidueiro cunha roda grande aos pés, campo da roda, e unha cabeza de roda superior de madeira de castiñeiro na que se traballan, todo elo nun armazón de madeira que sirve para asento do cacharreiro e estabilidade do sistema. A porción de barro amasado se leva a este torno e despois se traballa segundo as formas e modelos requiridos, para poñelo a secar no tarantín, unha estantería localizada no pendello ou fora del se as condicións o permiten.

As pezas son de escasa decoración, aínda que se empregan as liñas horizontais incisas como recurso estético, feitas cun canivete, a ferramenta de modelado. As pezas cócense en fornos, normalmente privados, aínda que os tradicionais permitían o uso a calquera que o marcara deixando unha peza crúa sobre del.

Os fornos son de pedra de granito, de escasa altura e cunha grade de pedra (ou cerámica) superior.  Baixo dela faise o lume, e sobre dela dispóñense pezas ata un metro de altura. Faise primeiro un lume con herbas secas e logo con madeira. As pezas achegábanse aos fornos por mulleres ou rapaces, a cambio de pezas da cocción e colocábanse sobre a grella con coidado e habilidade, formando círculos concéntricos, coas bocas para abaixo e os grandes polo exterior, segundo o modelo de pezas cada unha ten a súa posición, e este é un traballo especializado.

Na primeira cocción feble se prepara a peza para recibir o vidrado, que se aplica ao día seguinte e vólvese á cocción a maior temperatura, aínda que moito menos tempo. Esta operación na actualidade adóitase reducir a un único vidrado previo e cocción, controlando a temperatura con ventilación forzada.

As pezas de Niñodaguia non estaban relacionadas tanto coa produción ou transporte do viño como co axuar máis cotiá e doméstico e variado. Destacan as olas ou cántaros de decoración incisa, ou os xarros de leite ou para a graxa, os barreñós e as almufías para a matanza, así como fontes, pratos e cuncas, e xarras de viño e auga. Entre as pezas esteticamente máis singulares e atractivas están as alcuzas, de forma esferoide, cunha boca estreita e de unha a catro pequenas asas superiores, que servían para gardar o aceite, así como multitude de remates para as cubertas de tella, de formas caprichosas.

En Niñodaguia vense de inaugurar un Museo-Taller da Olería tradicional,  destinado á difusión desta actividade. Existen artesáns locais, que combinan a creación de pezas artesás e de autor coa práctica da técnica tradicional, como a Alfarería de Agustín e José Vázquez. Tamén existe unha Asociación de Amigos do Barro de Niñodaguia.