Ocupación histórica do territorio

A Ribeira Sacra é un territorio que presenta unha ocupación humana documentada dende o Paleolítico inferior, porque sempre foi unha zona estratéxica de tránsito aproveitando a rede fluvial do Miño e o Sil co seus afluentes. As recentes sondaxes arqueolóxicas no xacemento paleolítico de Pedras, parroquia de Vilelos, no concello do Saviñao demostran que a depresión de Monforte de Lemos é un área única no Paleolítico do NW peninsular con ocupacións dende o Pleistoceno medio ata momentos próximos ao Holoceno.

Pero foi no Neolítico cando estes pobos empezaron a intervir na paisaxe, modificando as súas formas, deixando a súa pegada. Deste período coñecemos restos importantes tanto na provincia de Lugo coma na de Ourense. En terras lucenses son de salientar os túmulos conservados en terras do Saviñao, Pantón, Pobra de Brollón, ou Sober, mentres que en terras ourensá destacan os xacementos dos concellos de Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín e Parada de Sil.

Entre o final do megalitismo e ao comezo da Idade dos Metais, no III-II milenio a. C., as comunidades que ocupaban os vales do Miño e do Sil introduciron un elemento máis que cambiou a súa paisaxe, ao transformar as rochas que coroaban os outeiros en santuarios e lugares de peregrinación dotados dun carácter máxico, onde esas rochas se convertían en altares e lugares de culto.

Así, do mesmo xeito que ocorrera coas mámoas, os petróglifos situábanse en lugares estratéxicos dentro do territorio, quizás marcando as zonas de caza, os lugares de paso, ás comunidades que os habitaban ou ás súas crenzas, usos e ritos, pero en todos casos en lugares estratéxicos nos que é posible dominar amplas perspectivas do territorio, nunha forma máis de relacionarse con el e co seu concepto da natureza e o universo. Aínda que nestes momentos o coñecemento dos petróglifos na zona é parcial, pode confirmarse a súa relevancia como manifestación dunha inquedanza cultural relacionada co coñecemento do medio. De especial interese pola complexidade dos seus motivos e a compoñente estética dos seus xogos de formas e agrupacións son os petróglifos de Cima da Costa (Vilar de Ortelle-Pantón), Regueiro/Tapado do Monte (Anllo, Sober), Pena do Xesta (Proendos, Sober), ou o petróglifo exento de Atán (Pantón).

Tamén existen testemuños da Idade do Bronce, achados importantes como espadas, puntas de lanza e colgantes, como os de Forcas, Mouruás e Ribas de Sil que apareceron asociados os leito do río ou en covas, o que é tamén mostra da relación do home co medio simbolizada nos instrumentos do seu poder.

Durante a Idade do Ferro as poboacións abandonan as terras baixas, próximas aos ríos, e colonizan as zonas altas, onde construirán os seus poboados fortificados, que coñecemos co nome de castros. Trátase en xeral de recintos fortificados, con varias liñas de defensa, de terra, pedra e probablemente empalizadas, localizados no cume dos outeiros, en posicións estratéxicas tanto de control territorial como das rutas de paso, pero sempre dominando o río. Exemplos sobranceiros desta tipoloxía son o Castro de Marce (Pantón), Vilacaiz e Abuime (O Saviñao) ou os de Arxeriz (O Saviñao), e San Lourenzo (A Cereixa-Poboa de Brollón) os únicos escavados na Ribeira Sacra.

A pegada deste tipo de asentamentos, que amosa a presenza na xeografía da memoria das xentes que habitan o territorio, está tamén na prolífica toponimia relacionada co castro, como Castro Caldelas, O Castro de Ferreira, Castro de Abuime, Castro da Torre (Freán), Castro de Illón (Licin), Castro da Portela (Diomondi), Castro de Mourelos, Castro da Besta (Vilelos), ou Penedos do Castro (Luintra), e mesmo moitos outros topónimos e microtopónimos.

Estes asentamentos que empezaron a levantarse a partir do século VIII a. C., tiveron unha longa ocupación, porque foron romanizados e en xeral continuaron ocupándose ata o século V o VI da nosa era, e mesmo ata máis tarde.

Unha vez concluídas as Guerras Cántabras, iníciase a romanización do territorio e a explotación dos seus recursos, e a minaría foi un dos máis intensamente explotados e dos que deixou unha maior pegada no territorio, con enormes transformacións, algunhas delas baseadas nos traballos tecnolóxicos máis precisos e avanzados para a época. A explotación foi intensa no río Sil, no que como nas Médulas, no Bierzo, empregaron o sistema de ruina montium, en especial en Montefurado e na Cuvela (Torbeo).

Dadas as características xenéticas das cepas galegas semella que existe unha gran variedade e compoñente arcaica na súa natureza que pode levar a afirmar que a dominación romana favoreceu o enxerto e cultivo da vide e, a partir dun momento de desenvolvemento, a produción de viños.

Malia a importancia e significación do exposto no ámbito da primeira historia da Ribeira Sacra, a verdadeira magnitude da concepción dun territorio singular comeza a partir da época romana tardía, da que permanecen espléndidos vestixios arqueolóxicos en Proendos, Castrillón, Temes, Atán, San Xoán de Camba, Rocas, Montefurado, e Licín, e aínda de forma máis relevante na alta idade media, que será cando o territorio tome conciencia da súa personalidade como a auténtica Tebaida da antiga Gallaecia romano visigótica.

Na configuración da paisaxe da Ribeira Sacra un elemento esencial foi a presenza dos primeiros cristiáns, que probablemente chegaron e instaláronse nas proximidades dos castros habitados e nos asentamento máis ou menos estables do exército romano que se desprazou á Gallaecia para controlar as explotacións mineiras, xa que nos primeiros momentos é un culto gobernamental asociado á vida urbana, que ten dificultade para penetrar nos paganus (campesiños). Desas datas iniciais son os restos do sartego de Temes que se atopa sobre o arco triunfal do presbiterio da igrexa de Santa María de Temes, que está moi próxima a confluencia do Sil e do Miño e dunha vía romana secundaria.

A maiores contamos con outra peza sobranceira como é o crismón da Ermida de Quiroga, localizado tamén nas ribeiras do Sil e que é unha obra de referencia ineludible na inicial cristianización do territorio e na conformación da súa identidade como espazo espiritual.

Pero ademais destas evidencias materiais e que son en si pezas valiosas pola seu interese artístico e histórico, existen referencias á importancia deste vasto territorio como un lugar de oración, de retiro, de meditación e de penitencia, desde os primeiros tempos do cristianismo, cando as primeiras comunidades de anacoretas se instalaron nunha zona ampla que engloba os territorios do Bierzo e da Ribeira Sacra, ao redor do Sil.

En tempos da monarquía sueva (409-585) está documentada a importancia do eremitismo neste territorio, nos que os anacoretas vivían afastados e celebraban as súas cerimonias en covas. A mellor coñecida é o mosteiro de San Pedro de Rocas, santuario eremita.

Nos séculos da Alta Idade Media, a presenza de anacoretas neste territorio foi relevante e intensa, como testemuñan a necrópole de Barxacova en Parada de Sil, un dos maiores conxuntos funerarios rupestres coñecidos con decenas de tumbas antropomorfas dispostas escavadas na rocha, ou a inscrición localizada nun impoñente farallón pétreo na desembocadura do río Fiscaiño no Bibei, na Pobra de Trives.

No caso da cidadela de Santa María consérvase un lagar rupestre conformado dentro dunha estrutura rectangular. O pan e o viño eran os dous elementos imprescindibles para a celebración da eucaristía cristiá. O territorio das rivas do Miño e do Sil foi asumindo o soporte de pan e viño dunha extensa vida fundamente influenciada polos anacoretas, eremitas, incipientes comunidades de monxes, refuxiados, e repoboamentos promovidos por reis cristiáns en loita por recuperar territorios para o seu poder, o que caracterizaba o lugar dunha fonda espiritualidade. Esta circunstancia favoreceu a fundación dos primeiros mosteiros dúplices, promovidos pola nobreza local como lugar de acollemento ao final da súa vida e como ofrenda para favorecer o seu xuízo espiritual.

Os mosteiros dúplices deixaron paso ás abadías masculinas e femininas entre as que destacan Santo Estevo e Santa Cristina de Ribas de Sil, San Salvador de Asma e San Estevo de Atán, no caso das masculinas, e Santa María de Pesqueiras, San Xoán da Cova, San Fiz de Cangas e San Miguel de Eiré no caso dos femininos. Cos monxes regulares chegou unha nova forma de organizar o traballo e a xestión do territorio. Introduciron novos cultivos, entre eles novos variedades de vides que conviviron coas existentes e probablemente mantiveron o sistema de cultivo en bancais, aproveitando as mesmas pedras do terreo para facer as muras. Este sistema de explotación da terra permitía aproveitar as ladeiras de forte pendente para o cultivo tanto da vide como de outros produtos como legumes, verduras, froiteiras, oliveiras ou castiñeiros.

Ao longo dos séculos XI e XII eríxense as principais igrexas románicas nas que traballan importantes obradoiros, algúns deles vinculados ao Mestre Mateo, como se pode apreciar en Santo Estevo de Ribas de Miño ou en Santa María de Pesqueiras, ou do taller da Catedral de Ourense, como en Santo Estevo de Ribas de Sil.

Durante a Baixa Idade Media, tanto os mosteiros coma os nobres explotaban o territorio mediante un sistema de aforamento que en moitos casos vinculaba a unha familia por tres vidas prorrogables. Neses contratos non só se explotaba a viña, a horta ou o souto, senón tamén a pesqueira ou o muíño que estaba xunto ao terreo.

A expansión da vide a partir do século XV queda documentada nos contratos de foro onde se obriga os foreiros a plantar as leiras ou montes para producir viño. Os mosteiros constrúen un número importante de adegas para o almacenamento do viño, espalladas polos distintos territorios onde teñen as súas propiedades. Así, o mosteiro de San Salvador de Asma en 1433 ten documentadas sete adegas, ás que se engadiron outras novas nos séculos XVI-XVIII.

A situación mudou coas políticas activas dos Reis Católicos no século XV, cando impulsaron co apoio do papa Alejandro VI a reforma das ordes regulares. Todos os mosteiros da Ribeira Sacra foron revisados e concentrados, incorporándose á observancia. Este proceso de cambio levou a unha reorganización tanto do monacato como da xestión do territorio e dos recursos. Nesta reorganización, as fundacións femininas foron practicamente eliminadas, decaendo así o importante papel que tiveran ata o daquela na organización do territorio.

As rendas dos mosteiros non deixaron de aumentar, e con ela produciuse tamén unha renovación artística. Nas principais abadías acométense grandes reformas nas edificacións, mobiliario e nos obxectos litúrxicos, namentres que nas fundacións máis modestas, nas que se mantiveron as fábricas medievais, impulsouse unha modernización estética mediante a decoración interior dos templos, con ciclos de pintura mural. Na Ribeira Sacra, ao contrario que na maior parte do territorio galego, aínda se conservan moitos destes grandes e fermosos paneis pictóricos que son un bo exemplo da plástica manierista o contrarreformista, entre os que destacan os de Nogueira de Miño, Seteventos, Pesqueiras, Proendos, Diomondi o Eiré.

O crecemento e a importancia estratéxica que acadaron os mosteiros como xestores deste rico territorio durante os séculos XVII-XVIII resulta evidente á vista das grandes obras e construcións das fábricas de Santa María de Montederramo, Santa María de Ferreira de Pantón ou Santo Estevo de Ribas de Sil. Boa parte destas obras costeáronse coa venda das rendas e dos diezmos que os mosteiros percibían.

O poder exercido dende os mosteiros tiña dende época medieval neste territorio o contrarresto do poder da nobreza terratenente personificado nos Conde de Lemos, que exercían os seus dominios dende o norte e o sur das ribeiras do Sil en Monforte e en Castro Caldelas, ou os condes de Amarante dende o Castelo de Maceda. Outras casas señoriais tiñan na Ribeira Sacra os seus pazos a as súas propiedades como os Quiroga, os Somoza, os López de Lemos, os Camba, os Varela, os Temes, ou os Taboada.

Exemplo do poder agrícola derivado das liñaxes guerreiras medievais e das riquezas de diversa orixe son as magníficas casas e pazos que se conservan. Nelas a arquitectura e a natureza forman un microcosmos perdurable no tempo, como acontece na fortaleza de Taboada, nos pazos de Perrelos, Buía e de Relás (Taboada), no pazo de Tor (Monforte) ou de Bóveda, así como nas casas grandes de Boán e do Pacio en Sabadelle (Chantada),na casa grande de Touza (Carballedo), na casa grande da Lagariza (Pantón) ou no pazo de Cristosende (Teixeira), verdadeiros centros de poder, factorías de transformación agrícola e cómodas residencias de lecer nos que se mesturaba o traballo do campo e a cultura.

Ademais, estas elites tiveron un papel importante nos movementos culturais da época, ocupando no século XVIII e XIX o lugar que deixaran os mosteiros, de aí a importancia dalgunhas das bibliotecas destas casas, que conservan pezas únicas da nosa literatura.

Un territorio que fora conformándose século a século co traballo continuo das comunidades que nel residían, ao servizo en xeral dun poder asentado nas súas proximidades e ligado a el, vese sometido a unha transformación a mediados do século XX, na década dos corenta, cando de forma radical e vertixinosa a súa fisionomía se transforma. O recurso que viña sostendo este territorio, o propicio val, peado e inaccesible, dos canóns abancalados do Miño e do Sil, que ofrecía viño, castaña, froita, cereal, salmón e lamprea, de súpeto, como sucedera dous mil anos antes, fica en segundo lugar fronte a unha novidade tecnolóxica: o potencial de enerxía da auga acumulada para producir electricidade.

Construíronse no Miño os encoros de Belesar e Os Peares e no Sil os de San Martiño, Sequeiros, Santo Estevo e San Pedro. Estas novas infraestruturas, feitas co deseño e dimensións máis avanzados da época, monumentais dende un punto de vista técnico e exemplos singulares e sobranceiros do patrimonio industrial, asolagaron numerosas poboacións, así como as terras máis fértiles de cultivo, que quedaron baixo as augas. A percepción do espazo, as comunicacións, a forma de cultivo e a forma de vida do territorio viuse sometida a unha profunda transformación. Porén, as comunidades seguiron ligadas ao territorio. Aínda que amortizada baixo decenas de metros de auga permanece unha parte da paisaxe, sobre dela emerxe con máis forza a identidade dun lugar marcado pola pendente, polas muras e pola orientación, aínda cheo de vides.

A partir da construción dos encoros, as características climáticas dos dous vales cambiaron polo incremento do volume de auga embalsada e iso favoreceu o cultivo da vide, pero ao tempo mantén unha rica biodiversidade que permitiu cualificar as ribeiras do Sil, do Mao e do Miño en zonas da Rede Natura.