Os núcleos de poboación

As aldeas e os asentamentos de poboación da Ribeira Sacra posúen características determinadas polas especiais condicións orográficas e os polos de atracción que supuxeron os mosteiros e as actividades de explotación agraria do territorio, en especial o viño. As ribeiras do viño forman parte de territorios caracterizados polo dominio da montaña, con grandes contrastes ambientais entre as terras baixas e as de altitude.

En moitas ocasións os cultivos do viño quedan afastados da antiga aldea, cunha intensiva transformación das ladeiras mediante socalcos de escaso fondo, fuxindo as antigas aldeas das inclinacións dos vales encaixados. A distancia respecto dos cultivos e a dificultade do acceso conduce á edificar construcións apoiadas nun dos muros dos socalcos para dispoñer o lagar e a adega.

Cando existen plataformas máis chairas, concentran a disposición dos núcleos combinadas cunha maior variedade de cultivos. A incidencia da paisaxe do viño como contorno dos asentamentos rurais tradicionais vai variar en toda a zona entre a proximidade dos cultivos, o mosaico de diferentes produtos en núcleos con colleitas escasas, e a concentración de áreas específicas de viño en terreos afastados das aldeas, case que sempre rodeadas dun perímetro de monte baixo. A combinación das fendas de regatos curtos ou farallóns pétreos con claros ou redutos dedicados ao viño tamén caracteriza outras parte do territorio.

En ocasións o conxunto das antigas aldeas do viño sitúanse en plataformas aplanadas por riba do curso fluvial, afastadas da zona vitícola e no medio dun contorno de agro, na que os núcleos aproveitan unha maior suavidade do relevo para colonizar os vales secundarios con pequenas aldeas moi próximas entre elas, formando agregacións compactas.

Noutras zonas as antigas aldeas avanzan aquí sobre saíntes da parte alta das ribeiras e desenvolven amplos contornos de socalcos na pendente das ladeiras. A medida que o val vai deixando ladeiras en costa orientadas ao mediodía, o aproveitamento das pendentes volve amosar un intensivo traballo de modelado do terreo en estreitos socalcos, que vai caracterizar a boa parte das ribeiras, onde as antigas aldeas volven quedar algo afastadas das videiras.

En conclusión destaca a orientación a mediodía e a adaptación a un emprazamento condicionado pola orografía, con aldeas de pequeno tamaño, compactas e densas, próximas entre elas, ocupando emprazamentos propicios en contextos de grandes pendentes, en esporóns saíntes ou pequenas chairas, ou ben en zonas de val alto, rodeadas de agras e cultivos de cereal e pastos, onde se reducen as pendentes.

Pedro de Llano conclúe que a casa da Ribeira Sacra agrúpase en conxuntos pechados de edificacións amoreadas sen orde ao redor dos camiños, asentamentos polinucleares a media pendente, por adición de pequenos núcleos ou barrios que se van diseminando na medida en que os vales se abren e o permite a orografía, coa presenza daquela de hortas e currais. En xeral existe unha proximidade da casa á plataforma de cultivo e unha orientación a mediodía.

Os moitos mosteiros contribuíron tanto á difusión do cultivo do viño como na focalización das relacións territoriais con certos núcleos veciños, con agregacións próximas ás construcións relixiosas ou con crecementos ao longo dos camiños.

Un efecto similar producen as casas grandes ou os pazos que xestionan grandes extensións de terreo e provocan estruturas de asentamento menos compactas e máis irregulares.

Tamén o ferrocarril estableceu unhas dinámicas que caracteriza a disposición de núcleos densos e compactos aliñados ao seu trazado, como en Montefurado ou Peares.